BNG-AA inclúe no seu programa a demanda veciñal dunha senda peonil no acceso ao CEIP A Rabadeira

BNG-AA inclúe no seu programa a demanda veciñal dunha senda peonil no acceso ao CEIP A Rabadeira

IMG-20150405-WA0014

 As obras dos últimos días na contorna do centro non tiveron en conta a proposta, a pesar do compromiso do Alcalde de estudala, no Pleno do pasado mes de febreiro

 Fran Rei, candidato nacionalista á Alcaldía de Oleiros: “Hai que pensar a mobilidade como dereito non só á hora de pensar nos desprazamentos en coche”.

 Oleiros, 8 de abril de 2015.- O recente período vacacional nos centros de ensino foi aproveitado polo Concello de Oleiros para acometer obras de mellora da pavimentacións nas inmediacións dos CEIP A Rabadeira, en Oleiros, e Luís Seoane, en Maianca.

 No pleno municipal do pasado mes de febreiro o BNG solicitou, a instancias da veciñanza da zona e de membros da comunidade educativa da Rabadeira, acometer unha pequena senda peonil na Rúa do Ensino, no acceso ao centro de ensino desde a Avenida Francisca Herrera, para facilitar o acceso a pé de estudantes, familias e traballadoras/es do dito colexio. Na actualidade, ese treito non dispón de beirarrúa en ningunha das marxes até chegar á mesma entrada do recinto.

 No pleno de febreiro, o Alcalde dixo “tomar nota” da proposta e comprometeuse a estudala. Porén, na recente obra de mellora non se tivo en conta a iniciativa, que é unha demanda de veciñas/os da parroquia e membros da comunidade educativa, e toda a actuación limitouse a mellorar o pavimento.

 Así as cousas, o candidato á Alcaldía de Oleiros polo BNG-Asembleas Abertas, Fran Rei, insistiu hoxe na proposta de dotar a contorna do colexio da Rabadeira dun acceso peonil seguro para garantir “o dereito de mobilidade” por todos os medios de transporte, “xa que mobilidade non é só pensar en termos de asfalto e coches, senón tamén en xente a pé, en bicis ou mesmo en persoas con situacións de mobilidade reducida”, sinalou. O candidato nacionalista salientou o compromiso de incluír entre as actuacións máis urxentes no seu programa electoral a creación da demandada senda peonil na marxe dereita da Rúa do Ensino.

Estado das pasadeiras de peóns nas proximidades de centros escolares

20150407_131149

 Nos últimos meses, o goberno municipal de Oleiros veu demandando repetidamente da Xunta de Galiza o repintado da pasadeira peonil da Avenida Francisca Herrera que dá acceso á Rúa do Ensino e á entrada principal ao CEIP A Rabadeira.

 Outro paso de peóns que precisa ser pintado con urxencia é o situado na Avenida María Pita de Canide (Maianca) que dá acceso ao CEIP Luís Seoane. A vía é de titularidade autonómica, polo que o BNG-Asembleas Abertas de Oleiros levará o caso nos próximos días ao Parlamento de Galiza para exixir máis e mellor seguridade viaria na contorna do centro.