SERÁ O DOMINGO 19 DE AGOSTO ÁS 20 HORAS NO ADRO DA IGREXA PARROQUIAL DE LIÁNS

O BNG de Oleiros conmemora o Día da Galiza Mártir cunha homenaxe aos cesteiros xitanos soterrados no adro da igrexa de Liáns

Os catro artesáns, todos da mesma familia, foron asasinados por un comando fascista. Os corpos apareceron no quilómetro 2 da estrada que vai de Perillo a Oleiros. Dous dos cesteiros tiñan 14 e 16 anos.

O BNG de Oleiros conmemora o Día da Galiza Mártir cunha homenaxe aos cesteiros xitanos soterrados no adro da igrexa de Liáns

O BNG de Oleiros vén conmemorando ininterrompidamente desde o ano 1996 o Día da Galiza Mártir, data instituída pola Irmandade Galega de Arxentina, presidida por Castelao, con motivo do fusilamento do economista Alexandre Bóveda, fundador e secretario de organización do Partido Galeguista, en Poio o 17 de agosto de 1936.

Este ano será a primeira vez, porén, que o acto do Día da Galiza Mártir en Oleiros non se faga na Praza da Liberdade de Nós, espazo habitualmente escollido por ter sido esta parroquia oleirense a que con máis saña padeceu a represión franquista.

Nos últimos anos o BNG de Oleiros dedicou a conmemoración deste Día da Galiza Mártir á recuperación de capítulos locais da dura represión perpetrada polo fascismo: a detención, e posterior asasinato, do pintor Francisco Miguel na súa casa de Santa Cruz, en presenza da súa muller e fillos pequenos; a memoria de Tomás Arévalo Pardo, alcalde democrático de Oleiros durante a maior parte da 2ª República; ou a historia dos guerrilleiros antifascistas Xosé María Castelo e Carme Temprano, parella afectiva e de loita, veciños de Iñás e do Carballo, asasinados en 1949 (os restos de Castelo, soterrados nunha fosa común xunto aos corpos doutros guerrilleiros, acaban de ser entregados á súa familia).

Este domingo 19 de agosto, ás oito da tarde, o BNG de Oleiros, coa colaboración de Galiza Nova, homenaxeará a memoria dos catro xitanos cesteiros, todos da mesma familia, soterrados na parte esquerda do adro da igrexa de Santaia de Liáns. O 30 de setembro de 1936 os corpos de tres deles, Antonio Montoya Camacho, Antonio Camacho Lovato e Antonio Montoya Camacho (en dous deles coinciden nome e apelidos), aparecían asasinados no quilómetro 2 da estrada que vai de Perillo a Oleiros, na zona onde se sitúa o antigo Colexio Videlba. Perto tamén de Vila Galicia, a quinta de verán de Casares Quiroga. Uns días despois aparecería aínda o corpo de Manuel Jiménez Montoya. Dous dos asasinados tiñan 14 e 16 anos. O crime, un máis daqueles tráxicos “paseos”, nunca foi minimamente investigado.

Na homenaxe deste domingo, conducida pola actriz Isabel Risco, participarán familiares dos asasinados e outros membros do pobo xitano en Galiza. Haberá unha intervención poética de Manuel Rivas, autor dun poema dedicado a estes xitanos cesteiros incluído no seu libro A boca da terra (2015), e unha pequena actuación musical a cargo do grupo Maraxe. Tamén unha intervención política do deputado do BNG no Parlamento de Galiza Xosé Luís Rivas “Mini”.