O BNG de Oleiros chama a veciñanza a acudir ás asembleas do luns e mércores para informar das obras do “sifón” da Pasaxe

Fonte: Galipedia
Fonte: Galipedia

O BNG de Oleiros fai un chamamento a toda a veciñanza a participar activamente nas asembleas informativas convocadas polo goberno municipal, este luns día 9 nas Torres de Santa Cruz e o mércores 11 no auditorio da Fábrica de Santa Cristina, onde se agarda que se expliquen con detalle todos os cambios de tráfico que se producirán nos próximos meses con motivo das obras de construción do chamado “sifón” da Pasaxe.

O Bloque anima a todas as veciñas e veciños a acudir ás xuntanzas anunciadas por Ángel García Seoane para escoitar, mais tamén anima a intervir e a facer todo tipo de propostas que poidan axudar a paliar as consecuencias dunhas obras que tanto afectarán á mobilidade de millares de persoas. O BNG cre que as asembleas son “o foro de interlocución axeitado” entre o goberno local e a veciñanza, pois permiten que o executivo tome nota das ideas que poidan surxir e, ao mesmo tempo, que as veciñas e veciños poidan contrastalas coas propostas inicialmnte feitas para cada caso.

O BNG-Asembleas Abertas de Oleiros convoca tamén, e sobre a mesma cuestión, unha asemblea aberta a todas as veciñas e veciños -simpatizantes ou non do Bloque que quixeren asistir. Será o martes 10 ás 20.30 horas no Lar Espazo Aberto de Santa Cruz (Rúa Dolores Ibárruri -6, baixo). Sen vontade de solapar en ningún caso o imprescindíbel labor que as asociacións veciñais deben facer neste momento, o obxectivo deste encontro será tamén o de recoller propostas veciñais concretas para facelas chegar ao goberno municipal.

O portavoz municipal nacionalista, Fran Rei, veciño de Santa Cruz, participará na asemblea.