NO CENTRO DE SAÚDE DE SANTA CRUZ SÓ ESTÁ PRESTANDO SERVIZO NESTE MOMENTO UNHA TRABALLADORA CUNHA XORNADA PARCIAL PARTIDA

O BNG de Oleiros denuncia que os recortes da Xunta nos centros de saúde do municipio tamén afectan os servizos de limpeza

Fonte: www.redaccionmedica.com
Fonte: www.redaccionmedica.com
O BNG de Oleiros denuncia que os recortes da Xunta nos centros de saúde do municipio tamén afectan os servizos de limpeza
O BNG de Oleiros apoia e fai propias as denuncias feitas onte públicas polo goberno municipal da Alternativa dos Veciños sobre a precariedade no servizo médico de atención primaria que están a prestar neste momento os centros de saúde do municipio, singularmente no caso do Centro de Saúde de Santa Cruz e tamén no PAC de Urxencias, situado na mesma localidade.
O Bloque denuncia, á súa vez, que os recortes en persoal que aplica o goberno da Xunta do Partido Popular nos centros de saúde oleirenses tamén está a afectar o servizo de limpeza destas instalacións, tan importante nun momento epidemiolóxico como o que estamos a vivir, no que urxe extremar todas as precaucións e máis aínda cando se están a producir novos surtos da COVID19 e poden acudir doentes que porten o virus, mesmo asintomátic@s. 
Se ao comezo da pandemia no Centro de Saúde de Santa Cruz o servizo de limpeza das instalacións estaba conformado por dúas persoas con xornada laboral completa, unha en horario de mañá e outra en horario de tarde, neste momento dito servizo é prestado por unha única traballadora con xornada parcial partida. O mesmo recorte de persoal afecta ao PAC, cun horario de atención continuado mesmo en horario nocturno. Cómpre lembrar que este PAC atende a demanda poboación de todo un municipio, Oleiros, que nesta época do ano multiplica a súa poboación residente. 
 
O BNG relanzará en setembro as súas iniciativas no Parlamento de Galiza para unha atención médica digna  
A formación nacionalista na localidade ten denunciado en diferentes ocasións nos últimos anos a precariedade con que se están a prestar determinados servizos, impropios dun concello co noso peso poboacional: falta de cobertura por parte do SERGAS de baixas, vacacións e xubilacións d@s profesionais, que acrecentan as listaxes de agarda até darse situacións de esperas dunha semana para unha cita médica; retrasos na apertura de cupos en atención primaria, que teñen obrigado veciñas e veciños a "peregrinar" a centros de saúde máis afastados do seu lugar de residencia; inexistencia de certas especialidades, como a de Psiquiatría, que obrigan a doentes con necesidades especiais de seguimento médico a terse que trasladar a outros municipios; falta de persoal de enfermaría en centros como o Consultorio de Mera, cunha única profesional para atender a totalidade do cupo deste centro.
Mención especial merece a xa moi prolongada situación de precariedade no tempo que padece o servizo de pediatría, que se presta nos centros de saúde de Perillo e Santa Cruz e, parcialmente, uns días á semana, no Consultorio de Mera, atendido por unha das profesionais de Santa Cruz. O BNG ten denunciado, facéndose eco das reclamacións de varias familias, que cando esta pediatra está de baixa ou de vacacións a localidade de Mera queda sen pediatra, mesmo en época de verán, o momento do ano no que máis poboación reside na zona norte do municipio, a área que cobre este centro.
O BNG seguirá tamén reivindicando dotar dunha praza estábel de pediatría o Centro de Saúde de Oleiros, na Covada. O da capital municipal é o único do municipio que non conta cun servizo destas características nin sequera unhas horas á semana a pesar do aumento da poboación rexistrado nos últimos anos pola área que atende este centro médico. 
O BNG de Oleiros denuncia que os recortes da Xunta nos centros de saúde do municipio tamén afectan os servizos de limpeza