O BNG de Oleiros sempre estará disposto a achegar ideas para elaborar uns orzamentos participativos

O BNG de Oleiros sempre estará disposto a achegar ideas para elaborar uns orzamentos participativos

O BNG-Asembleas Abertas abstívose na votación do modificativo de crédito que onte 30 de xuño se elevou ao Pleno para investir en 19 actuacións algo máis de 2 millóns de € do superávit correspondente ao exercicio de 2015. Fran Rei xustificou o sentido dese voto reitando que o motivo non é que as propostas concretas lle parezan inadecuadas, senón a aposta do BNG-Asembleas Abertas de Oleiros por estabelecer mecanismos máis participativos na elaboración dos orzamentos municipais, e neste caso tamén para a definición dos investimentos aos que se destine o superávit, cando o houber.

Rei pídelle a Ángel García Seoane “que non se enfade” e non tome “como un ataque ou como unha agresión” propostas que só buscan facer as cousas de maneira que a cidadanía poida participar e “corresponsabilizarse” na xestión do seu concello, como nalgúns lugares xa se está a facer. “Moi lonxe da pretensión do BNG está dar leccións ao Alcalde ou a ninguén sobre participación cidadá”, indicou o concelleiro. “Pola contra, non perdemos a esperanza de que algún día, tarde ou cedo, o goberno municipal de Alternativa dos Veciños se anime a implementar en Oleiros o modelo de elaboración participativa dos orzamentos, sequera sexa de maneira parcial ou experimental. O BNG estará sempre disposto a achegar as súas ideas e a cooperar co executivo local nesa dirección”.

Eis as 19 actuacións propostas polo goberno municipal e aprobadas onte polo Pleno para investir o superávit de máis de 2 millóns de € correspondente ao exercicio de 2015:

-Mellora da eficiencia enerxética e outras actuacións na Casa do Pobo de Mera: 106.737, 86 €

-Mantemento dos paramentos verticais, carpintarías e outros na Casa Charry de Oleiros: 62.260, 86 €

-Construción dun feche na Finca Tenreiro de Nós: 74.591,71 €

-Mantemento da plataforma peonil na rúa Celso Emilio Ferreiro, desde a rúa da Fieiteira até o Faro de Mera: 82.300,34 €

-Construción dun muro de contención no parque da Praza da Liberdade de Nós: 29.201,81 €

-Mellora da iluminación no paseo na zona do Espiñeiro (Mera): 65.858,40 €

-Ampliación do parque infantil de Canide (Maianca): 63.323,73 €

-Pavimentación da rúa do Cruceiro de Oleiros e acceso ao campo de fútbol do Mandín (Iñás): 142.550,43 €

-Mantementos varios na Casa da Gardesa das Torres de Santa Cruz: 59.890, 54 €

-Renovación de paineis informativos en Dexo, Nós, Oleiros e Santa Cruz: 78.127,28 €

-Reparación de pasarelas metálicas na Avenida do Che Guevara en Bastiagueiro: 45.754,15 €

-Reparación de sendas peonís nos parques da Pezoca, Santa Leocadia e outros: 60.357, 12 €

-Nova EDAR na Urbanización do Xunqueiro (Mera): 169.617,81 €

-Redacción do proxecto de rotonda de Santa Cruz: 19.360,00 €

-Reforzo da iluminación como mellora da seguridade viaria en distintos puntos do concello: 40.199,00 €

-Corrección da enerxía reactiva no bombeo da fervenza do Parque José Martí de Santa Cristina: 1.913,47 €

-Pavimentación dos accesos peonís á piscina municipal de Perillo: 29.474,75 €

-Pavimentación dos viais de acceso ás instalacións dos Servizos Municipais: 39.600,87 €

-Achega municipal ao Plan de Medio Ambiente da Deputación da Coruña (PMA) para mellora da iluminación: 31.765,71€

Total: 1.202.885,84 €

20150521_132230