FRAN REI OFRECE AO GOBERNO MUNICIPAL TOTAL COLABORACIÓN Á HORA DE DESEÑAR PROPOSTAS PARA UN PLAN DE TRANSPORTE POR ESTRADA "PROPIO DA REALIDADE E DAS NECESIDADES DE MOBILIDADE DO SÉCULO XXI"

O BNG de Oleiros solicita a convocatoria dunha comisión informativa extraordinaria sobre o Plan de Transporte Público da Xunta

O BNG de Oleiros solicita a convocatoria dunha comisión informativa extraordinaria sobre o Plan de Transporte Público da Xunta

 Este venres día 23 finalizará o prazo de exposición pública e presentación de alegacións ao anteproxecto de explotación do transporte público de persoas por estrada comprendido dentro do Plan de transporte público da Xunta de Galiza denominado como "Leste da comarca da Coruña". 

O BNG  quere coñecer coa máxima amplitude posíbel que alegacións ou propostas preparou ou está a preparar o goberno municipal de Oleiros ao citado anteproxecto. O Bloque considera para iso conveniente a celebración dunha comisión informativa extraordinaria para coñecer e poder analizar dita documentación, polo que hoxe mesmo vai solicitar a súa convocatoria. 

Lamentamos que o prazo de exposición pública do anteproxecto non teña sido máis amplo e que a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade teña escollido o verán para este proceso, dificultando que moitos colectivos sociais e mesmo persoas a título particular poidan informarse debidamente e participar coas súas opinións. 

O noso portavoz, Fran Rei, lamenta tamén que até o de agora o goberno municipal que preside Ángel García Seoane non teña feito "un especial esforzo informativo" por dar a coñecer ao conxunto da veciñanza o anteproxecto da parte do Plan de Transporte que afecta as liñas que atravesan o municipio e a posibilidade de presentar ao mesmo observacións e alegacións. 

Mentres concellos da comarca como o de Cambre puxeron en marcha nas últimas semanas un proceso informativo dirixido á veciñanza sobre o novo plan de transporte, o BNG descoñece se o goberno local de Oleiros traballou co tecido asociativo veciñal do concello as alegacións a presentar antes de que este venres finalice o prazo. "Será unha das primeiras preguntas a facer nesa comisión informativa que nos parece que debe haber", di Fran Rei.

O portavoz municipal nacionalista ofrece, non obstante, a súa "total colaboración" ao goberno local para axudar a deseñar propostas concretas que melloren substancialmente o servizo que presta o transporte público metropolitano en Oleiros, mais tamén o seu modelo. "Precisamos un transporte comarcal planificado de acordo coa realidade e as necesidades de mobilidade do século XXI", apunta Fran Rei.