ESTE NOVO COLECTIVO CIDADÁN, FORMADO ESPECIALMENTE POR VECIÑAS E VECIÑOS DE BEIRAMAR E PERILLO, DECIDE PASAR Á ACCIÓN FRENTE AO ABANDONO, AS ESCUSAS E AS MENTIRAS DAS ADMINISTRACIÓNS

Bota a andar, con todo o noso apoio, a Plataforma pola Humanización da Avenida das Mariñas

Foto de Daniel Ambroa (fonte: La Voz de Galicia)
Foto de Daniel Ambroa (fonte: La Voz de Galicia)

Despois de dúas asembleas veciñais abertas celebradas na Praza de Agramar de Perillo xa está constituída e en marcha a Plataforma pola Humanización da Avenida das Mariñas, formada por veciñas e veciños de Perillo e outras zonas de Oleiros con decisión de pasaren á acción e retomaren as mobilizacións contra o abandono, o desleixo, as escusas e as mentiras a que as diferentes administracións -especialmente o Ministerio de Fomento do Goberno de España- teñen condenado esta parte do noso concello desde hai polo menos unha década.

Bota a andar, con todo o noso apoio, a Plataforma pola Humanización da Avenida das Mariñas

Despois de dúas asembleas veciñais abertas celebradas na Praza de Agramar de Perillo xa está constituída e en marcha a Plataforma pola Humanización da Avenida das Mariñas, formada por veciñas e veciños de Perillo e outras zonas de Oleiros con decisión de pasaren á acción e retomaren as mobilizacións contra o abandono, o desleixo, as escusas e as mentiras ós que as diferentes administracións -especialmente o Ministerio de Fomento do Goberno de España- teñen condenado esta parte do noso concello desde hai polo menos unha década.

O epicentro máis visíbel do problema que padece a Avenida das Mariñas (AC-12, antiga N-VI) é o caos case diario de tránsito e problemas de mobilidade que concentra o cruzamento do antigo Restaurante Sol y Mar, confluencia da Rúa do Areal (pola que se accede á AC-174) coa propia Avenida das Mariñas. Trátase dun tramo utilizado diariamente como unha das principais vías de acceso e retorno á cidade da Coruña desde a comarca das Mariñas polo que, segundo datos oficiais, circulan cotidianamente  80.000 vehículos/día. A vía funciona como vertebradora de importantes núcleos de poboación ao longo de toda a comarca até Betanzos e como unha importante zona industrial e de servizos, a comezar por Oleiros (a maior parte das empresas de tamaño medio-grande do municipio concéntranse aquí). Porén, a Avenida das Mariñas acolle tamén unha importante zona residencial, e mesmo comercial, do municipio: divididas entre as parroquias de Perillo e de Liáns (a zona do Seixo), viven aquí unhas 4.000 persoas.

Como levamos anos a denunciar tamén desde o BNG - Asembleas Abertas de Oleiros, o problema central é que a estas veciñas e veciños desta parte de Oleiros e da comarca está a se lles negar o seu dereito a unha mobilidade segura e integral. Focando exclusivamente a cuestión sobre os problemas circulatorios ocasionados pola gran cantidade de vehículos particulares tense obviado, inxustamente, as grandes dificultades que existen en toda a zona para desprazarse a pé, en bici, para se moveren as persoas con diversidade funcional, a veciñanza maior, as nenas e os nenos...  Por non falarmos das dificultades do transporte interurbano (situación das paradas en puntos perigosos, escaseza de frecuencias, horarios pouco útiles...) ou as dificultades de movemento das traballadoras e traballadores das empresas asentadas na zona (moitas teñen imposíbel acudiren ao traballo en bus, coas actuais características da vía).

A Avenida das Mariñas, como denuncian as veciñas e veciños da zona, funciona como unha auténtica barreira separadora e deshumanizadora, como un auténtico "muro" formado por 80.000 carros e camións a pasaren diariamente diante mesmo de portais e negocios. Funciona, ademais, como elemento hostil a un urbanismo vertebrador e integrador: Icaria e O Seixo, Beiramar, O Paraíso e Perillo..., zonas situadas unhas frente a outras, que comparten servizos e poderían articular núcleos compactos que mellorasen a vida económica, os lazos comunitarios... viven absolutamente de costas as unhas ás outras por causa desta fronteira imposta polo Ministerio de Fomento. 

Ao menos desde 2007 lévase falando de buscar unha alternativa ao cruzamento do antigo Sol y Mar que pasaría por soterrar o groso do tráfico que vai e vén da Coruña e deixar en superficie o que se dirixise cara Perillo, Montrove, Santa Cruz ou Oleiros, é dicir, o que agora viña facendo o xiro á esquerda. Este proxecto tería que supor unha importante acción urbanística de humanización de toda a zona dirixida a integrar da maneira máis eficaz e definitiva a fermosa contorna do Paseo da Ría como unha parte máis do conxunto urbano de Perillo. A realidade, pola contra, é que este proxecto de soterramento do tránsito leva unha década paralizado nos despachos de Madrid e que, desde entón, non hai máis que promesas, boas palabras, titulares de imprensa, retrasos e mentiras. 

Hai agora un ano -novembro de 2016- a veciñanza saíu á rúa convocada polo Concello de Oleiros, que se puxo á frente da mobilización exixindo de Fomento a recuperación do proxecto de 2007 e tamén a creación de dúas pasarelas peonís con elevador (unha na zona dos concesionarios e outra no Seixo). Unha mobilización que veu precedida dunha moi concorrida asemblea veciñal no Auditorio da Fábrica de Santa Cristina na que se tomou o acordo, por unanimidade, de organizar unha mobilización o primeiro sábado de cada mes. A realidade é que, desde hai un ano, o goberno municipal de Oleiros non voltou a convocar novas accións de protesta, incumprindo o mandato daquela asemblea, a pesar de que Fomento nin executou aínda as pasarelas comprometidas -e anunciadas "a bombo e platillo" nos medios de comunicación- nin é quen de concretar aínda como vai retomar un proxecto teoricamente redactado hai máis de dez anos.

As inminentes obras do sifón na Avenida do Che Guevara en Santa Cristina durante ao menos 6 meses e o feito de que o principal desvío indicado polo Concello para o tránsito é ser conducido polo alto de Perillo para ir saír ao cruzamento do Sol y Mar, xa colapsado a diario, é a pinga que desbordou o xerro da paciencia da veciñanza desta zona, cansa xa de ser condenada a vivir nun auténtico "patio de atrás", ben lonxe dese Oleiros Guapo do que nos fala a propaganda de postal.

A Plataforma pola Humanización da Avenida das Mariñas, que convida a toda a veciñanza a unirse á súa loita e mesmo ten clara a necesidade de estabelecer vinculacións metropolitanas máis alá de límites municipais concretos (o problema non afecta só a xente empadroada en Oleiros), nace xa con dúas reivindicacións no horizonte:

 

  • A Avenida das Mariñas é, na práctica, unha vía urbana. Non se pode agardar a que resolvan desde Madrid calquera mínimo problema que se presente. A súa titularidade debe ser transferida ao Concello de Oleiros, como vén de acontecer recentemente coa Avenida de Fonteculler en Culleredo ou como fixo hai nada a Xunta co tramo da Avenida do Che Guevara situado entre Perillo e Santa Cruz. 
  • Os problemas de mobilidade non se resolven ampliando e multiplicando as infraestruturas existentes, senón quitando vehículos particulares das estradas mediante un verdadeiro sistema de transporte público metropolitano atractivo e eficaz.