Unha candidatura para devolverlle o dinamismo a un Oleiros que vai ao ralentí

Acto de presentación da candidatura
Acto de presentación da candidatura
Unha candidatura para devolverlle o dinamismo a un Oleiros que vai ao ralentí

O candidato nacionalista á Alcaldía, Fran Rei, estivo arroupado polo actual portavoz municipal Manuel Sarmiento, a deputada Ana Pontón e alcaldábeis doutros concellos da comarca  

A denegación do uso do Teatro das Torres de Santa Cruz por resolución da Alcaldía, a pesar de levar días o local apalabrado, e a indicación de que o único lugar dispoñíbel en todo o municipio era o Salón de Plenos obrigou a mudar contrarreloxo a estrutura que estaba planificada, mais non impediu ao BNG-Asembleas Abertas de Oleiros desenvolver un acto “festivo e alegre” para presentar publicamente a súa candidatura nunha ateigada Casa Charry o serán deste pasado sábado.

 Foi un acto participativo, dinámico e próximo, “como o Oleiros que o BNG-Asembleas Abertas soña e aspira a gobernar para seguir facendo e transformando” a partir do próximo 24 de maio, “devolvendo o dinamismo que tanto caracterizou a un municipio que hoxe vai ao ralentí”.

Unha versión de Coldplay interpretada polo trío de corda Palpitango abriu un serán conducido pola actriz Ade Vidal no que se foron entretecendo as intervencións do actual portavoz municipal nacionalista Manuel Sarmiento, da deputada no Parlamento de Galiza Ana Pontón e, finalmente, do candidato á Alcaldía Fran Rei con outras actuacións musicais, como a do mozo cantautor oleirense Noé Vázquez (nº 10 da candidatura) ou o “rap combativo” do estudante de Ciencias do Deporte e a Educación Física Lucas Conde, veciño de Perillo.

 Antes de pedir a todas e todos os integrantes da candidatura que o acompañasen, Fran Rei reclamouse “máis que como un político, como un militante e un activista social con clara consciencia política” e un “orgulloso militante nacionalista desde os 16 anos” que considera os seus espazos naturais de traballo “a defensa da lingua, a recuperación do patrimonio cultural, o ecoloxismo, o asociacionismo veciñal ou a colaboración coas festas ou a Semana Cultural de Santa Cruz”. Rei matizou que “a política institucional, na que nunca até o de agora participei, debe entenderse como un complemento necesario da acción social, da política na rúa, que é a verdadeira”.

 Fran Rei salientou que a do BNG-Asembleas Abertas representa obxectivamente “a única opción nacionalista de esquerdas” que haberá nos colexios electorais oleirenses o 24 de maio. E sinalou como algunhas das prioridades inmediatas dun goberno municipal nacionalista en Oleiros redistribuír os 300.000 euros anuais en salarios de cargos e asesores políticos ou os 90.000 € anuais en publicidade actualmente orzamentados, apostar por unha vida digna “para todos os Oleiros que existen, máis alá do Oleiros da Lista Forbes”, estabelecer mecanismos reais de participación democrática “máis alá do eslogan”, planificar o problema da mobilidade atendendo “todas as mobilidades”, non só a que se fai a través do vehículo particular, ou impulsar todo tipo de políticas proactivas para consolidar poboación sobre o territorio, para “facer núcleos de poboación vivos, dinámicos e atraentes”, para dinamizar un turismo non estacional deseñado en chave metropolitana ou para atraer ao concello poboación nova a través dunha política “decidida” de vivenda que priorice os alugueiros ou a rehabilitación. Rei puxo como exemplos gráficos “do moito que hai por facer” e fixou como obxecto de especial atención por un goberno nacionalista os núcleos de Santa Cristina ou a mesma capital municipal. 

presentación candidatura acto casa charry