O Concello efectiviza a expropiación da gasolineira de Santa Cruz coas peores formas posíbeis

O Concello efectiviza a expropiación da gasolineira de Santa Cruz coas peores formas posíbeis

O BNG-Asembleas Abertas de Oleiros lamenta profundamente as formas, propias do Far West americano, coas que este mediodía o Concello acudiu á gasolineira de Santa Cruz para formalizar a toma de posesión da propiedade. O feito de facelo desouvindo a resolución xudicial que ordena a paralización cautelar do expediente no entanto no se resolva o recurso presentado agrava unha actitude marcada pola unilateralidade e a política dos feitos consumados que o goberno local mantivo en todo momento neste tema.

Culmina así un procedemento de expropiación “express” anunciado da noite para a mañá, carente de toda vontade negociadora e que só daba pé á súa xudicialización, como finalmente aconteceu. E fíxose esta mañá cun acto bochornoso que só podería cualificarse como “apropósito do Entroido por adiantado” se non fose porque hai catro traballadores que, con esta decisión, perden o seu posto de traballo sen que até o momento se lles ofrecese ningunha alternativa económica.

Para o BNG de Oleiros a parte social e laboral da decisión municipal de expropiar a gasolineira debería ter sido, desde o minuto cero, a preocupación central do goberno municipal. Pola contra, o o que houbo e hai é unha profunda insensibilidade social, aquela coa que un executivo local que di ser progresista e de esquerdas actuou en todo momento. No canto de interesarse polo futuro laboral dos empregados da gasolineira o Alcalde de Oleiros en ningún momento deu a cara diante dos traballadores e mesmo preferiu utilizar medios informativos que son de todo o pobo, como a páxina web municipal, para lanzar graves insinuacións xa non contra a empresa propietaria da estación de servizo, senón mesmo contra os seus empregados, valéndose para iso non de feitos contrastados, senón de bulos e comentarios de taberna.

O BNG de Oleiros non cuestiona a idoneidade de trasladar actual ubicación da gasolineira de Cepsa en Santa Cruz, que coas características urbanas actuais desta localidade é evidente que non son as adecuadas, e tampouco a necesidade de implementar medidas que regulen e melloren a mobilidade na AC-173 en todas as súas modalidades (vehículos, peóns, transporte público). A nosa formación, porén, si que lamenta que “con excesivas présas”, cuxo motivo real descoñecemos, desapareza unha empresa dun lugar céntrico dunha vila como Santa Cruz sen que enfronte se propoña ningún tipo de alternativa económica.

O BNG considera, ademais, que a necesidade dunha segunda gasolineira que dea servizo a toda a poboación da faixa costeira do centro e norte do municipio é unha evidencia. Oleiros é un concello, dada a súa poboación, as características urbanísticas e o deficiente servizo de transporte público que posúe a zona norte, cunha gran dependencia do vehículo particular. O BNG é partidario de estudar cal sería o emprazamento máis adecuado para acoller nesa parte do concello unha nova estación de servizo.

IMG-20160126-WA0002