Conclusións da asemblea aberta do venres 5 de xuño

Conclusións da asemblea aberta do venres 5 de xuño

O pasado venres 5 de xuño celebramos no Mesón Maruxa de Mera unha asemblea aberta para valorar o traballo de campaña feito e os resultados das eleccións municipais do pasado 24 de maio, ben como para decidir o sentido do noso voto na investidura do Alcalde na sesión constituinte da nova corporación municipal do vindeiro sábado día 13 e para comezar a definir cal será a nosa estratexia política nesta nova lexislatura.

Para comezar, hai que valorar como moi positiva a asistencia á xuntanza: foi a asemblea aberta máis numerosa de todo este proceso que iniciamos no outono do ano pasado na Casa da Cultura de Perillo e tamén a xuntanza do BNG de Oleiros máis concorrida en moito tempo. Esta participación constata que no noso concello hai hoxe unha estrutura nacionalista viva, dinámica e renovada, conformada non só pola afiliación ao BNG, senón tamén por persoas que, desde a súa independencia, achegan as súas opinións e colaboran, no grao que queren e poden, no noso traballo. Reforzar e seguir a tecer esa rede de apoios e simpatías que se vai creando vai ser un dos nosos obxectivos centrais nesta etapa.

O traballo en común desenvolvido durante a campaña electoral valorouse, na súa globalidade, como positivo, se ben con aspectos concretos a mellorar na coordinación organizativa dalgúns actos. Asumiuse a campaña mesmo coas limitacións impostas polos horarios laborais do candidato á alcaldía, que inevitabelmente repercutiron na súa dedicación á campaña nalgunha xornada concreta. A valoración incluíu un informe económico no que se detallaron tanto os ingresos obtidos para o desenvolvemento da campaña como os gastos que esta supuxo: 1210 € de ingresos (todos procedentes da achega voluntaria de militantes e simpatizantes) e uns gastos de 1.245, 36 €.

Tamén foi valorado positivamente o resultado electoral obtido en Oleiros: 966 votos, algo máis do 6 % do total de votos válidos emitidos a candidaturas; un pequeno crecemento a respecto de hai catro anos, porén significativo tendo en conta os resultados xerais tanto na comarca como no conxunto da Galiza. Non obstante esa valoración positiva por mantermos a representación na corporación, evitouse caer en triunfalismos ou autocomplacencias: nin cualitativa nin cuantitativamente son uns resultados desexábeis, e evidentemente non condicionan a correlación de forzas no pleno nin a gobernabilidade do Concello. Ficamos moi lonxe aínda de lograr o obxectivo de facer entender socialmente a negatividade dunha maioría absoluta para a calidade e a radicalidade democrática; maioría que aínda se ve máis ampliada que na anterior lexislatura.

O resultado parcialmente bo obtido en Oleiros non distrae a nosa preocupación, que na asemblea aberta foi practicamente unánime en todas as intervencións, por unha situación electoral a nivel xeral -especialmente nos espazos urbanos -moi negativa. Canto a próximos procesos, como o das eleccións xerais ao Parlamento do Estado que terán lugar este ano, considerouse como imprescindíbel dar pasos inequívocos no camiño dunha ampla candidatura unitaria galega como garantía de que Galiza siga a ter voz propia no Congreso e, de poder ser, no Senado.

A asemblea aberta decidiu de maneira unánime que o voto do noso concelleiro electo, Fran Rei, na investidura do Alcalde durante a sesión constituinte da nova corporación o vindeiro sábado 13 sexa de abstención. Ese voto irá acompañado dunha intervención cordial marcada pola vontade de entendemento en todos aqueles temas e decisións en que Alternativa dos Veciños goberne ao servizo das maiorías sociais. Como xa dixemos en moitas ocasións durante a campaña, o BNG-Asembleas Abertas é garantía de que en Oleiros non goberne a dereita, pero tamén de que non se apliquen políticas de dereitas. Eis o noso único condicionante: a liña vermella que non ultrapasaremos. Nin nunca antes o foi nin agora será o noso estilo unha oposición destrutiva ou sen ideas: ao contrario, seguiremos a facer un traballo fiscalizador, ao tempo que enormemente propositivo. Con firme vontade de diálogo e de entendemento, mais tamén con contudencia, se chegar a ser preciso.

Asemblea do venres 27 de marzo