A RÁPIDA MOBILIZACIÓN DAS FAMILIAS FAI RECUAR A XUNTA TANTO NO CEIP A RABADEIRA COMO NO CEIP LUÍS SEOANE DE MERA

A Consellaría de Educación intentou suprimir unidades de Educación Infantil en centros de ensino de Oleiros

Fonte: Páxinas Galegas
Fonte: Páxinas Galegas

O BNG de Oleiros decidiu iniciar o mes de setembro ollando con especial atención como se está a organizar unha volta segura ás aulas nos diferentes centros educativos do municipio frente á pandemia da COVID-19, polo que se vai dirixir formalmente estes días a todas as ANPAS do concello para recoller as súas opinións, preocupacións e propostas e trasladalas en forma de iniciativas tanto ao Concello como ao Parlamento de Galiza.

A Consellaría de Educación intentou suprimir unidades de Educación Infantil en centros de ensino de Oleiros

O BNG de Oleiros decidiu iniciar o mes de setembro ollando con especial atención como se está a organizar unha volta segura ás aulas nos diferentes centros educativos do municipio frente á pandemia da COVID-19 a poucos días do inicio oficial do curso escolar 2020/21. 

O Bloque, que se vai dirixir formalmente estes días a todas as ANPAS do concello para recoller as súas opinións, preocupacións e propostas e trasladalas en forma de iniciativas tanto ao Concello como ao Parlamento de Galiza, está xa a constatar diversos problemas logo dun primeiro contacto coas comunidades educativas oleirenses. 

O primeiro destes problemas, e polo de agora é o máis grave, é que a Consellaría de Educación persiste na súa liña política de recortes, de antepoñer os números á calidade de ensino e ao dereito fundamental á seguranza e á saúde nun momento tan crucial como o da situación de emerxencia sanitaria que estamos a padecer. Da mesma maneira que está a acontecer noutros lugares de Galiza, a Consellaría tomou a decisión unilateral de suprimir distintas unidades de Educación Infantil, unificando nun mesmo grupo aulas que o curso pasado funcionaron separadamente. Así aconteceu con 5º de Infantil no CEIP A Rabadeira e 4º de Infantil no CEIP Luís Seoane de Mera. 

En ambos centros, a rápida mobilización das familias conseguíu o seu principal obxectivo: facer recuar a Xunta da súa intención. Por un lado, pretendíase unificar, no CEIP A Rabadeira, 5º de Infantil nun único grupo que estaría formado por un total de 23 nenas e nenos en lugar de manter dous grupos, de 11 e 12, como o curso pasado. Por outro, en 4º de Infantil (nenas e nenos de 3 anos) do CEIP Luís Seoane de Mera, a intención da Consellaría era crear un único grupo de 22 pequenas e pequenos. O BNG xa comprometeu todo o seu apoio á ANPA do centro cando esta preparou un escrito de protesta dirixido á Inspección Educativa. 

"Garantir unha volta segura ás aulas fronte á COVID-19 implica deixar atrás toda lóxica de recortes e apostar con decisión por reducir ratios, facilitar os desdobres e contratar máis persoal alí onde se constate como necesario", considera o portavoz nacionalista en Oleiros, Fran Rei. "Apostar nunha volta escolar segura a custo cero non só non é seguro, senón que é unha auténtica irresponsabilidade". O BNG de Oleiros constata con preocupación que as medidas da Consellaría parezan ir xustamente "na dirección contraria" do que neste momento extraordinario demanda "o sentido común". 

A Consellaría de Educación intentou suprimir unidades de Educación Infantil en centros de ensino de Oleiros