Un equipo renovado e solvente preparado para asumir responsabilidades

Asemblea do venres 27 de marzo
Asemblea do venres 27 de marzo
Un equipo renovado e solvente preparado para asumir responsabilidades

IMG-20150328-WA0013

O actual portavoz municipal, Manuel Sarmiento, pecha unha candidatura na que descende notoriamente a media de idade e na que se integran 7 persoas independentes, 6 delas mulleres

O obxectivo: "Construír un Oleiros no que ademais de residir tamén se poida vivir, convivir e traballar"

A asemblea aberta celebrada o pasado venres 27 de marzo respaldou por aclamación a proposta de programa electoral que diversos grupos de traballo viñeron elaborando nos últimos meses, incorporando ademais as ideas e propostas concretas achegadas nos últimos días a través dun proceso que o BNG de Oleiros definiu como “tremendamente participativo”.

Mobilidade, vivenda, estratexias globais de dinamización turística ou de promoción económica e emprego entendidas como “motor” de loita contra a crise, transparencia, novo marco para a participación veciñal, remunicipalización de servizos, aumento do gasto social e progresividade dos prezos públicos ou novos modelos de dinamización da cultura e da extensión e consolidación da práctica deportiva son só algúns dos puntos dun programa electoral concibido para construír “un Oleiros para a xente” no que sexa posíbel “non só residir, senón tamén facer vida e traballar”.

O encontro aberto do venres tamén ratificou por unanimidade unha candidatura que está composta por vinte e sete persoas, catorce homes e trece mulleres, na que hai un total de sete persoas independentes (non afiliadas ao BNG) e representación das nove parroquias do concello. “Unha listaxe representativa do Oleiros máis dinámico, socialmente comprometido e combativo contra as políticas antisociais da dereita”, en palabras do candidato á Alcaldía, Fran Rei, quen ademais destacou a solvencia dun equipo “sobradamente capacitado para asumir calquera responsabilidade, incluída a de gobernar” e que o 24 de maio será “a única opción do nacionalismo de esquerdas” nos colexios electorais.

Trátase dunha candidatura renovada nun 60% a respecto da presentada hai catro anos e cun considerábel descenso da media de idade, especialmente no seu tramo máis alto. A candidatura do BNG-Asembleas Abertas combina as novas incorporacións, a inmensa maioría delas sen presenza anterior en convocatorias electorais, coa presenza de militantes cunha longa traxectoria e un coñecido compromiso histórico co nacionalismo de esquerdas en Oleiros. Entre eses nomes destacan o do ex concelleiro do PSG-Esquerda Galega (1987-1991) Manuel Ferreiro, o da veciña de Maianca e histórica militante nacionalista Dores Loureiro, o do actual concelleiro e portavoz municipal, Manuel Sarmiento, que por decisión propia pecha simbolicamente a candidatura no posto número 21, ou o do ex deputado no Congreso e no Parlamento de Galiza, Carlos Aymerich.