Por un espazo público de Oleiros que recorde a Revolución dos Cravos

Por un espazo público de Oleiros que recorde a Revolución dos Cravos

A formación nacionalista suxire que algún espazo público do municipio leve o nome simbólico de Grândola Vila Morena, o tema musical do Zeca Afonso tornado en himno da conquista da liberdade

 Na actualidade non hai no rueiro oleirense ningunha referencia a unha efeméride que tan próxima foi sempre ao pobo galego

Oleiros, 25 de abril de 2015.- No día en que se conmemora o 41º aniversario da chamada Revolución dos Cravos, o levantamento militar e popular que en 1974 puxo fin á ditadura salazarista en Portugal e retornou o país veciño á democracia, o BNG-Asembleas Abertas de Oleiros propón que algún espazo público do noso municipio recorde tal efeméride.

 A formación nacionalista propón como denominación para dito espazo o de Grândola Vila Morena, o título do tema musical do cantor José Zeca Afonso cuxa emisión na radio na madrugada do 25 de abril de 1974 deu simbólico inicio á insurrección militar contra a ditatura.

 O BNG-Asembleas Abertas de Oleiros fai esta proposta facendo notar que na actualidade non hai no extenso rueiro oleirense ningunha rúa ou espazo que faga referencia a un feito histórico que sempre foi vivido con moita proximidade e afecto polo pobo galego.

 Na etapa na que o BNG participou do goberno municipal (2003-2006) visitou Oleiros, convidado polo Concello, un dos máximos responsábeis do Movimento das Forças Armadas (MFA) que comandou a Revolución, Otelo Saraiva de Carvalho.

11174876_809428915773406_8573673322190545697_n