Por unha frente común para conseguir unha nova escola infantil de 0-3 anos para Oleiros

Por unha frente común para conseguir unha nova escola infantil de 0-3 anos para Oleiros

136 nenas e nenos quedan en lista de espera no proceso de matriculación nas escolas de 0-3 anos do municipio, só 10 menos que o ano pasado

A formación nacionalista segue defendendo que a nova escola infantil de 0-3 anos se ubique na parroquia de Nós, a terceira máis poboada despois de Liáns e Perillo

Oleiros, 06/06/2016.- Os datos non deixan lugar a dúbidas: en Oleiros é moi necesario crear unha quinta escola infantil para a etapa de 0-3 anos que se sume ás catro xa existentes na actualidade. Segundo os datos de matriculación que se veñen de coñecer, 136 nenas e nenos quedan polo de agora en listaxe de espera, a maioría na Escola Infantil da Canteira, en Perillo. Son tan só 10 menos que en 2015, cando a cifra de solicitantes sen praza ascendeu a 146.

Oleiros é o noveno concello de Galiza en poboación e un dos de maior natalidade e, en consecuencia, presenza de poboación infantil. Para o BNG-Asembleas Abertas é esencial crear unha quinta escola infantil, como de feito se vén reclamando á Xunta de Galiza desde hai varios anos. Para iso, as nacionalistas consideran imprescindíbel artellar un “frente común” de Concello, grupos políticos e sociais, asociacións veciñais, anpas e outros colectivos cidadáns para presionar a Xunta de Galiza e lograr que esta se comprometa a facela realidade.

O Bloque segue e seguirá a defender que o emprazamento máis adecuado para esa necesaria quinta escola infantil de 0-3 anos sexa a parroquia de Nós, a terceira do municipio de habitantes (tras Liáns e Perillo) e que, porén, vén tendo unha moi evidente défice histórica en servizos. De aí a reivindicación histórica dun centro educativo de Infantil e Primaria, finalmente inaugurado logo de anos de presión veciñal e institucional.

En opinión do BNG-AA, a creación da escola infantil e a súa ubicación na parroquia completaría o mapa educativo desta, ademais de prestar servizo á veciña parroquia de Iñás e a zonas colindantes con importantes núcleos poboacionais como O Seixo, Icaria ou mesmo a parte baixa de Montrove.

O BNG-AA recorda que o Pleno municipal acordara en 2010, por unanimidade, reservar a parcela municipal do Vieiro, xunto á Raqueta do Seixal, para a construción da citada nova escola infantil. Posteriormente, en datas máis recentes, o alcalde de Oleiros cambiou de opinión e manifestou que dito terreo non era o “adecuado”, chegando mesmo a afirmar que a necesidade do novo centro de 0-3 anos quedaba cuberta co novo colexio de Nós. Esquecía Ángel García Seoane que a un CEIP como o de Nós vai alumnado a partir dos 3 anos e que o que se precisa é unha escola de 0 a 3.

O BNG-Asembleas Abertas de Oleiros amósase disposto a estudar, sempre segundo criterios técnicos, outros emprazamentos idóneos para a nova escola infantil que reúnan accesos peonís seguros e garantan as mellores condicións para o alumnado. Non obstante, seguiremos a defender a idoneidade de que calquera espazo a reservar para a escola estea na parroquia de Nós ou nas súas proximidades.

O goberno municipal de Oleiros, por boca do Alcalde, apresurouse a responder esta proposta do BNG-Asembleas Abertas negando que o municipio precise neste momento unha nova escola infantil, argumentando que a listaxe de espera real só é de 72 nenas e nenos e todos os casos están no tramo de 1-2 anos (tanto no de 2-3 como no de 0-1 habería vacantes; tamén é verdade que as ratios de alumnado por aula son diferentes). Mesmo sendo así, o BNG-AA lembra que as listaxes de espera non son un feito puntual e illado, senón que se repiten todos os cursos, o que evidencia que si hai unha défice de prazas. E esa défice si que a debía contemplar o Alcalde de Oleiros cando o Pleno acordou en 2010, por unanimidade, a reserva de solo municipal para a construción dunha nova escola.

O que causa perplexidade ao BNG-Asembleas Abertas é que o Alcalde, representante dun goberno municipal que fai constante gala de ser de esquerdas, puidese afirmar, en declaracións aos medios de comunicación, que o problema da listaxe de espera no tramo de Infantil 0-3 pode resolverse "a través das escolas infantís privadas" que hai no municipio.

escola infantil galiña azul