A AVENIDA DO CHE GUEVARA, A VÍA AFECTADA POLAS OBRAS, É A QUE SOPORTA A MAIOR DENSIDADE DE TRÁNSITO DIARIO DAS DA SÚA TIPOLOXÍA: 22.733 VEHÍCULOS AO DÍA, SEGUNDO DATOS DA XUNTA DE 2010.

Gran preocupación veciñal diante do comezo das obras do sifón da Pasaxe e o posíbel caos no acceso á Coruña

che_guevara_oleiros_wikipedia
Fonte: Wikipedia

As consecuencias directas sobre a mobilidade que van ter as obras do chamado “sifón” da Pasaxe están a causar, como era de agardar, unha importante preocupación na veciñanza de Oleiros e na de toda a comarca.

Gran preocupación veciñal diante do comezo das obras do sifón da Pasaxe e o posíbel caos no acceso á Coruña

As consecuencias directas sobre a mobilidade que van ter as obras do chamado “sifón” da Pasaxe están a causar, como era de agardar, unha importante preocupación na veciñanza de Oleiros e na de toda a comarca.

Trátase dunha obra de execución moi complexa, que “sobre o papel” se desenvolverá, aproximadamente, ao longo de todo un ano. Segundo se anuncia, comezará co mes de novembro e xa nos próximos días haberá sinais verticais informativos no tramo da AC-173 afectado. Falamos de duración “sobre o papel” porque o Alcalde advertiu que “non se permitirá” que as obras que afecten ao tránsito duren máis de seis meses: é dicir, que en ningún caso chegarían ao próximo verán. Dicimos tamén, con preocupación, “sobre o papel” porque con bastante frecuencia os prazos previstos para unha obra non sempre se cumpren. Temos un exemplo ben a man no caso da futura rotonda do centro de Santa Cruz, onde a antiga gasolineira: cantas veces se dixo, nos últimos meses, que o inicio dos traballos era inminente?

Hai uns días o goberno municipal convocou senllas asembleas veciñais informativas -unha en Santa Cruz e outra en Santa Cristina- para explicar os pormenores da obra e, sobre todo, os cambios a que obrigarán na circulación do tránsito na vía afectada: o tramo da Avenida do Che Guevara situado entre a rotonda de Nirvana e a rotonda da Pasaxe.

O feito de que a Avenida do Che (AC-173) sexa a única vía de comunicación dos principais núcleos de poboación do concello (Mera, Santa Cruz, Perillo) e destes coa Coruña obriga a articular todo un sistema de vías alternativas para os desprazamentos. Con todo, a Avenida do Che non se cortará na súa totalidade ao tránsito: de feito, as obras só afectarán ao carril máis próximo ao mar; o sentido inverso permanecerá aberto e non o afectarán as obras. Os traballos, segundo explica o goberno municipal, acometeranse por tramos de 100 en 100 metros, sempre en horario diurno. Unicamente o tramo máis próximo á zona de Copigal, na Pasaxe, se fará en horario nocturno, ao ser inviábel cortar o tránsito polo día nese punto pola súa complexidade.

Os buses metropolitanos que atravesan a Avenida do Che seguirán a transitar polo mesmo sitio e manterán as paradas habituais, segundo se indicou. Haberá que ver -isto si que non se indicou- se cando o tramo concreto no que están emprazadas se encontre en obras será necesario desprazalas. Non haberá ningún reforzo especial do actual servizo de transporte, nin en horarios nin en frecuencias. O Alcalde indicou abertamente nas asembleas que non cre que reforzar o transporte público sirva para reducir os previsíbeis colapsos no tránsito que poidan causar as obras.

VÍAS ALTERNATIVAS

Ao non se fechar ao tránsito a Avenida do Che, os vehículos poderán seguir circulando, sempre cun carril dispoñíbel. Nos tramos de obra haberá persoal das obras regulando o paso intermitente de vehículos (preferiuse esta solución á dos semáforos de obra). As obras comezarán por Nirvana e irán avanzando cara á Pasaxe.

A principal vía alternativa que o goberno municipal contempla para fuxir dos previsíbeis engarrafamentos na Avenida do Che que se produzan en dirección á Coruña é a subida desde a rotonda de Nirvana (estatua do Che) cara ao Alto de Perillo (Rúa do Miradoiro, II República e A Barreira). Unha vez alí aconsellan acceder desde despois da rotonda da fonte da Barreira ao Mercado Municipal de Perillo pola Rúa Mauritania. Cambiarase provisoriamente a dirección da Rúa da Golpa (lateral esquerdo do Parque Nelson Mandela) para que os vehículos poidan baixar por aí á Avenida de Rosalía de Castro: desde alí incorporaríanse á rotonda de Santa Cristina para faceren o cambio de sentido en dirección á cidade.

TEMOR DA VECIÑANZA DE BEIRAMAR

A veciñanza da zona de Perillo e Beiramar próxima ao fatídico cruzamento do Sol y Mar (AC-12, antiga N-VI) non oculta o seu desacougo diante das alternativas previstas polo goberno municipal e a Xunta para o desvío de tránsito que se dirixe diariamente á Coruña. Temen as veciñas e os veciños que moitos vehículos procedentes de Santa Cruz e da zona norte do concello que collan o “atallo” do alto de Perillo opten por baixaren pola Rúa do Areal e por se incorporaren á Avenida das Mariñas, contribuindo a un aínda maior colapso da zona.

A solución anunciada nas asembleas polo goberno municipal para esta zona é a substitución provisoria do actual cruzamento por unha rotonda de obra, co mantemento do actual semáforo exclusivamente para peóns. A incorporación actual para a subida a Montrove, Oleiros ou Santa Cruz vindo da Coruña pasaría a ser o cambio de sentido que xa existe máis adiante, xunto á Garda Civil de Tráfico. Unha solución, a priori, pouco convincente para a veciñanza máis afectada. Haberá que ver como funciona e se é necesario revisala.

DESACONSELLAN O “ATALLO” DA AVENIDA DE VALLE INCLÁN

Un atallo habitual para certo número de condutoras e condutores de Santa Cruz ou da zona norte do concello que van cara á Coruña, especialmente nas horas punta, é o da Avenida de Valle-Inclán: é dicir, por detrás do Romardeiro soben a Liáns e na Choupana métense cara a Perillo. Esta vía, non obstante, está xa moi conxestionada na hora de entrada do CEIP Valle Inclán. O Alcalde advertiu nas asembleas informativas de non empregar este camiño e da “absoluta prioridade” que ten a comunidade escolar do colexio. O que non se especificaron foron medidas concretas para evitar que isto aconteza: vai multar a Policía Local a quen queira acceder a este vial?

E PARA O RESTO DAS PARROQUIAS, A VÍA ÁRTABRA

O consello do goberno municipal para a veciñanza das parroquias de Dexo, Maianca, Serantes -e nós incluiríamos aquí Dorneda e Oleiros -é que para os desprazamentos diarios á Coruña usen a Vía Ártabra até o seu remate no Espírito Santo: por alí todos estes vehículos irán saír á Avenida das Mariñas (N-VI). Segundo o Alcalde, ao ter desaparecido o semáforo do Carballo e térense creado as rotondas, xa non hai problema de engarrafamentos nesta zona. Desta maneira aliviaríase en parte o tránsito na AC-173.

Gran preocupación veciñal diante do comezo das obras do sifón da Pasaxe e o posíbel caos no acceso á Coruña