UN NOVO AFUNDIMENTO DO FIRME NA ZONA DO PEIRAO QUE COBRE A AUGA CANDO SOBE A MAREA REPRESENTA UN PERIGO PARA BAÑISTAS E PASEANTES.

Novos desperfectos no porto de Santa Cruz

Aparece un novo afundimento no firme na zona do peirao que cobre a auga cando sobe a marea, representando un perigo para bañistas e paseantes.
Novos desperfectos no porto de Santa Cruz

Xusto nunha zona do peirao que a auga cobre por completo en canto comeza a subir a marea, mais na que ao mesmo tempo se fai pé sen ningunha dificultade e que, precisamente por quedar fóra do campo visual, representa un perigo para bañistas e paseantes. O BNG de Oleiros advirte dun novo afundimento de pedras no firme do porto de Santa Cruz, que se suma aos desperfectos detectados e constantemente denunciados por veciñanza e administración local ao longo dos últimos anos. 

O BNG oleirense lamenta que "chova sobre mollado" e que este novo desperfecto, un máis, veña evidenciar a falta de conservación de antigas instalacións portuarias que, malia veren xa practicamente desaparecida a súa actividade pesqueira, legalmente aínda continúan a manter a consideración de portos.

Unha falta de conservación motivada por un total desinterese por parte da Xunta e do seu organismo Portos de Galiza, considera o BNG local: "Os únicos investimentos de conservación nos portos de Santa Cruz ou Mera chegaron nos últimos anos logo de anos de denuncias municipais e veciñais, sempre forzados polas circunstancias, nunca por propia iniciativa", indica Fran Rei, o portavoz municipal do BNG en Oleiros. "Oxalá Portos puxese en conservar o peirao de Santa Cruz a metade do empeño que pon en tratar de prohibirnos ás veciñas e veciños que accedamos a bañarnos, a pasear ou a mirar o mar ao lugar que levamos décadas usando, un espazo público e comunitario dos máis representativos e queridos que hai na vila. Por incríbel que pareza, colocar un novo sinal de prohibición é a única iniciativa propia de Portos nos últimos anos en relación co peirao de Santa Cruz", continúa o concelleiro nacionalista referíndose á nova sinalización colocada durante o estado de alarma.

O BNG advirte de que levará a conservación do porto de Santa Cruz ao Parlamento de Galiza en forma de iniciativas, obrigando os responsábeis de Portos de Galiza a "dar a cara en sede parlamentaria" e a definir os seus plans de futuro para instalacións portuarias que xa non teñen un uso pesqueiro real e que, como no caso de Santa Cruz, son desde hai moitos anos, na práctica, unha zona de paseo e de baño que convive con actividades puntuais de pesca deportiva sen o máis mínimo problema.

Novos desperfectos no porto de Santa Cruz