O pleno municipal acorda, por iniciativa do BNG, exixir o cesamento do Xefe Territorial de Educación

O pleno municipal acorda, por iniciativa do BNG, exixir o cesamento do Xefe Territorial de Educación

A sesión do pleno municipal celebrada este xoves 24 de setembro acordou, co apoio de todos os grupos agás o do PP, a moción presentada polo BNG-Asembleas Abertas de Oleiros en apoio ás comunidades educativas do municipio que se están a ver afectadas, un curso máis, polos recortes no ensino ou pola incompetencia crónica da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

O portavoz municipal nacionalista, Fran Rei, exemplarizou a situación descrita na moción no caótico inicio de curso que se está a vivir no CEIP A Rabadeira de Oleiros, debido á pésima xestión da asignación do transporte escolar e o recorte nas liñas de transporte, no recorte de profesorado para necesidades educativas especiais (pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe) no CEIP Valle Inclán de Perillo, onde un curso máis se volve denunciar a matriculación de alumnas/os por riba da ratio (con aulas de até 26/27 nenas/os), ou na imposibilidade de que o comedor escolar do novo CEIP da parroquia de Nós puidese estar operativo co inicio da actividade escolar debido á ausencia dun fregadeiro, obrigatorio por normativa.

Achegamos a seguir, polo seu interese, o texto da moción presentada e aprobada polo pleno do Concello:

 

Vén de comezar un novo curso escolar e, unha vez máis, a comunidade educativa de Oleiros volve verse afectada pola incompetencia crónica da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galiza, que en lugar de achegar solucións a situacións plenamente coñecidas causa aínda máis problemas, algúns moi graves porque afectan directamente a parte máis vulnerábel da comunidade escolar: as nenas e os nenos.

O primeiro día do curso escolar foi vivido como un auténtico caos no CEIP A Rabadeira de Oleiros: aproximadamente 200 familias víronse afectadas polo recorte das liñas de transporte escolar, pero tamén pola negativa da Xefatura Territorial da Consellaría a dar calquera tipo de información, como moitas familias lle veñen demandando desde antes da entrada en funcionamento do novo CEIP da parroquia de Nós. O caos vivido na Rabadeira foi tal que as nenas e nenos sairon do centro con entre media hora e unha hora de retraso. O último bus saíu do colexio ás 16.15. A Consellaría non tivo mellor ocorrencia que agardar ao último día posíbel para publicar a listaxe de alumnado con dereito a transporte escolar, nun xesto que a comunidade educativa xa non sabe se interpretar como de maldade ou de incompetencia pura e dura. A provisionalidade das listaxes ocasionou situacións tan surrealistas e desagradábeis como a de comunicárselle ás mesmas nenas e nenos no momento que non tiñan dereito a subir no bus ou como que unha familia agardou na parada habitual por un pequeno ao que no centro non se lle permitiu subir no bus: á familia nada lle fora comunicado.

Difícil volve ser tamén o inicio de curso, unha vez máis, no CEIP Valle Inclán de Perillo: un centro educativo golpeado pola masificación ou diversos problemas nas instalacións volveu verse afectado por un novo recorte educativo, neste caso nunha materia tan sensíbel como a do alumnado con necesidades educativas especiais. A dirección do centro solicitou en tempo e forma á Consellaría profesorado especialista para cubrir as necesidades do seu alumnado: 67 horas de pedagoxía terapéutica e 54 de audición e linguaxe. Porén, a decisión tomada foi reducir o profesorado nun 50% a respecto do curso pasado, cubríndose desta forma 35 horas horas de pedagoxía terapéutica e 25 de audición e linguaxe. A única solución que achega a Administración pasa por compartir profesorado con outros centros, o que repercute negativamente nas condicións laborais dos docentes e non resolve o problema formulado. Ao mesmo tempo, a comunidade educativa do Valle Inclán denuncia tamén que a Consellaría lle impuxo a obriga de matricular alumnado por riba da ratio estabelecida, con aulas de até 26-27 alumnas/os.

No caso do novo CEIP de Oleiros, na parroquia de Nós, a imposibilidade de que puidese estar operativo o comedor escolar co inicio de curso pola ausencia dun fregadeiro, obrigatorio por normativa, fai que o escenario que se describe adquira xa tintes case cómicos. Finalmente, foi o mesmo Concello quen se fixo cargo desta instalación. A xornada de portas abertas celebrada o pasado 3 de setembro permitiu comprobar como, a pesar de as obras do edificio do novo centro escolar levaren meses rematadas, mesmo os centros de ensino públicos de máis recente creación presentan carencias e recortes.

Por todo isto, proponse ao Pleno o seguinte acordo:

1.- Exixir á Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación universitaria o cese inmediato de Indalecio Cabana como xefe territorial da dita Consellaría.

2.- Solicitar con carácter de urxencia unha reunión institucional co Conselleiro, Román Rodríguez, para darlle traslado inmediato das situacións descritas no texto expositivo da presente moción e de todas aquelas que foren trasladadas, de ser o caso, polos demais centros educativos do Concello.

3.- Pórse á disposición das comunidades educativas dos CEIP da Rabadeira, Valle Inclán e Oleiros para tratar de resolver os problemas derivados das nefastas políticas da Consellaría en todo aquilo que poida ser de competencia municial. 

 

A Rabadeira

O pleno municipal acorda, por iniciativa do BNG, exixir o cesamento do Xefe Territorial de Educación