Propoñemos que a ORA repercuta de verdade na dinamización da economía local

Propoñemos que a ORA repercuta de verdade na dinamización da economía local

Proponse revisar a Ordenanza para non penalizar as persoas residentes, ampliar as zonas de estacionamento de autocaravanas e implantar un sistema que exima da ORA a quen estacione para facer compras ou xestións

O Bloque insiste en denunciar a ilegalidade de cobrar ORA na parcela do Maxi, en Santa Cruz: “calquera sanción por estacionar sería nula de pleno dereito”

Co inicio do período de cobro da ORA nos núcleos de Santa Cristina, Santa Cruz e Mera e no aparcadoiro de Bastiagueiro, o BNG-Asembleas Abertas de Oleiros retoma a súa proposta de decembro de 2013 co gallo da elaboración dos Orzamentos de 2014: destinar os ingresos obtidos pola recadación da Zona Azul a medidas concretas de apoio ao comercio e a hostalaría locais.

Se tal e como o Alcalde en Funcións ten dito reiteradamente, que a ORA non ten “afán recadatorio” senón que quere ser unha medida disuasoria pensada para garantir a rotación nos estacionamentos e que se fai pensando no beneficio da economía local, o BNG de Oleiros propón “non quedar só na boa intención” e aproveitar os cuantiosos ingresos que proporciona este imposto temporal para desenvolver campañas sociais de apoio ao comercio e hostalaría local ao longo do ano, renovación de materiais e sinalizacións ou creación de novos formatos, accións formativas das que se poidan beneficiar as empresas do municipio, accións de dinamización da rúa (concursos, rutas gastronómicas, música ao ar libre todo o ano) nas zonas de máis actividade comercial e hosteleira nos diferentes núcleos do concello, etc. Iniciativas, en calquera caso, que o BNG propón deseñar de común acordo co empresariado local, escoitando antes posíbeis ideas e ver cales se poden materializar. O Concello recadou en 2014 pola ORA 163.000 €.

O BNG-Asembleas Abertas de Oleiros cre necesario revisar a actual ordenanza municipal que regula os estacionamentos na vía pública coa finalidade de non penalizar economicamente a veciñanza residente nas zonas de Santa Cristina, Santa Cruz e Mera delimitadas como Zona Azul durante os meses de verán. Unha solución posíbel pode ser mediante a edición de tarxetas para residentes. Tampouco non se debe penalizar coa ORA aquela veciñanza que acode a facer compras ou xestións: Santa Cristina, Santa Cruz e Mera concentran boa parte da actividade hostaleira e de lecer do municipio, mais tamén a maior parte do comercio local e boa parte dos servizos básicos. O BNG propón, para estes casos, estudar solucións que se estean a aplicar con éxito noutros concellos. Tamén se xulga imprescindíbel aumentar o número de zonas de estacionamento para autocaravanas, un perfil turístico en auxe en toda Europa que pode ofrecer moitas oportunidades para Oleiros. Estas zonas haberíaas que dotar dos servizos adecuados.

O BNG reitera, unha vez máis, a súa advertencia sobre a ilegalidade que supón incluír a parcela do antigo Maxi na Zona Azul: a ordenanza municipal, que desenvolve a Lei estatal de Tráfico e Seguranza Viaria, deixa claro que o seu ámbito competencial son as vías urbanas incorporadas ao dominio público municipal; e a parcela do Maxi é unha finca privada, como tantas veces ten reiterado nos últimos meses Ángel García Seoane ao rexeitar as propostas veciñais para a súa adquisición como espazo público polo Concello. Xa que logo, calquera sanción económica por non pagar a ORA dentro deste espazo sería nula de plena dereito, caso de alguén decidir recorrela. O BNG ofrécese a asesorar todas as posíbeis consultas que se lle formulen sobre a cuestión.

soar Maxi asfaltado

Propoñemos que a ORA repercuta de verdade na dinamización da economía local