Reaxir á amnesia imposta: recuperar a pegada de Francisco Miguel e de Syra Alonso

Reaxir á amnesia imposta: recuperar a pegada de Francisco Miguel e de Syra Alonso

Hai agora 19 anos que cada 17 de agosto a Praza da Liberdade do Vilar de Nós acolle, con motivo do Día da Galiza Mártir, un acto cívico para homenaxear todas as persoas, mulleres e homes, que en Oleiros, nas Mariñas e na Galiza foron asasinadas polo fascismo, dando a súa vida pola liberdade.

A parroquia de Nós acolleu nos anos da República unha auténtica enxurrada de iniciativas de auto-organización das súas clases populares, vinculadas á tradición agrarista inmediatamente anterior mais neses anos maioritariamente orientadas ideoloxicamente cara ao campo do anarquismo libertario. Expresión de ideais progresistas avanzados, de arelas de liberación social, de consciencia de pertenza á parte máis humilde da sociedade e da necesidade de organización para saír da desigualdade e da inxustiza. A Unión Campesina Republicana de Nós acordou en 1932 a construción dunha Casa do Pobo, dando inicio ao proxecto da actual.

O golpismo fascista en 1936 reaxiu axiña cunha desmedida violencia que tiña por vontade sementar a morte e o medo, mais que tiña tamén un obxectivo político ben preciso: esborrallar de vez toda forma de auto-organización popular da sociedade, liquidando a dirixencia de partidos, sindicatos, ateneos, sociedades e todo tipo de colectivos surxidos ou fortalecidos durante os anos da República. Oleiros foi un dos municipios da comarca coruñesa onde con máis saña se perseguiu, se paseou, se asasinou, se atemorizou; dentro del, a parroquia de Nós foi, sen ter de menos o acontencido nas outras, onde o aparato represivo franquista se demorou con maior violencia e odio: non podía ficar en pé nada do construído. Así ficaron eliminados Xaquín Taboada, Manuel Lafuente, Andrés e Pedro Pinilla...e outros veciños de Nós. Tamén aquí foi onde durante máis tempo se prolongou, cos medios e formas posíbeis, a resistencia contra o fascismo. Veciños de Nós que conseguiron fuxir á represión dos primeiros momentos incoporáronse e combateron na guerrilla antifranquista en varias das súas frentes. O fascismo vencedor non só eliminou fisicamente as vidas, senón todo rastro dos soños que estes homes depositaran: como exemplo, a Casa do Pobo en construción, incautada en 1936 polo goberno municipal golpista que acababa de depoñer a lexítima corporación presidida por Tomas Arévalo Pardo. Só a partir de 1977 a recén creada AAVV Os Rueiros de Nós puido retomar e concluír a súa construción e posta en funcionamento, até que en 1993 a súa titularidade pasou ao Concello de Oleiros.

O domingo 16 de agosto ás 20 horas acudimos, como anualmente, á Praza da Liberdade de Nós para unir ao nome de Alexandre Bóveda, Vítor Casas, Xoán Antón Suárez Picallo ou o mesmo Castelao os de Xaquín Taboada e os seus demais compañeiros e compañeiras da Comarcal de Sindicatos de Nós. Mais tamén, neste ano, para recuperar a pegada da memoria de Francisco Miguel e Syra Alonso, veciñ@s da parroquia de Liáns ferozmente represaliad@s: el violentamente paseado; ela perseguida e obrigada a fuxir camiño do exilio mexicano, onde morreu.

A pesar de que a casa na que habitaron en Coruxo de Abaixo segue en pé e nun relativo bo estado de conservación ningunha pegada visual lembra hoxe o paso do pintor Francisco Miguel e o de Syra Alonso por Oleiros, fóra da meritoria iniciativa das Bibliotecas Municipais hai algúns anos. Aquela que agarimosamente baptizaron como "A Casa da Felicidade" é hoxe un espazo de amnesia. Incribelmente, tampouco no rueiro municipal de Oleiros hai ningún espazo público que recorde estes nomes e a súa historia.

cartaz acto galiza mártir Nós 2015

Reaxir á amnesia imposta: recuperar a pegada de Francisco Miguel e de Syra Alonso