Repensar o modelo do "viveiro municipal de empresas" de Iñás e tomar un novo camiño

Repensar o modelo do "viveiro municipal de empresas" de Iñás e tomar un novo camiño

A adxudicación das naves municipais vén de quedar, unha vez máis, deserta 

 

O mal chamado "viveiro de empresas" do Concello de Oleiros vén de colleitar un novo fracaso, ao ficar deserta de novo a adxudicación das naves ofertadas.

O grupo municipal do BNG veu reiterando, ao longo de toda a lexislatura, a súa crítica a un modelo que demostra, ano tras ano, o seu fracaso. O empecinamento do goberno municipal presidido por Ángel García Seoane en apostar por un polígono -o de Iñás -case deserto e co máis baixo nivel de actividade de todos os da súa contorna contrasta cunha incapacidade total por xerar iniciativas económicas nos principais núcleos de poboación do municipio, capaces de fixar poboación sobre o territorio, dar vida e dinamismo ás principais localidades do concello e crear un necesario "efecto chamada" que atraia a Oleiros novas iniciativas que axuden a dinamizar e diversificar a economía, abrindo camiños que vaian máis alá da construción e da instalación de franquicias de multinacionais e grandes cadeas que o único que crean é traballo temporal, precario e sen dereitos. 

O BNG-Asembleas Abertas de Oleiros aposta decididamente polo apoio ao comercio de proximidade e polo deseño dunha política global de dinamización da economía local con medidas concretas de apoio, tales como a creación dun banco de locais comerciais (cun período de carencia e habilitación a cargo do Concello); a realización de campañas periódicas (especialmente nos períodos de maior actividade); a realización de feiras periódicas; o apoio a proxectos de especialización...Iniciativas que incidirían na creación de emprego, mais tamén na revitalización dos núcleos de poboación e na mellora na calidade de vida da veciñanza, ademais da diversificación de fontes de ingreso nas arcas municipais, tradicionalmente centradas na construción.

Ao longo da lexislatura que remata, o BNG insistiu na necesidade dun cambio de rumbo na política económica do Concello. Porén, fomos bater constantemente coa absoluta cerrazón do goberno municipal, que sistematicamente desbotou todas as nosas propostas sen nin tan sequera dar opción a debatelas en profundidade.

Somos conscientes do pasado interese do Alcalde de Oleiros no Polígono de Iñás -por razóns persoais ben coñecidas. Pero é isto motivo de abondo para condicionar a política económica e comercial dun concello?

2012-03-22_IMG_2012-03-15_03.11.55__6931779