Resultados electorais definitivos: 966 votos para o BNG-Asembleas Abertas

Resultados electorais definitivos: 966 votos para o BNG-Asembleas Abertas

O pasado luns 1 de xuño a Xunta Electoral de Zona resolvía as reclamacións formuladas ao escrutinio provisorio e proclamaba o resultado definitivo das eleccións municipais do 24 de maio en Oleiros. Se ben non varía o reparto de concelleir@s coñecido na noite electoral (14 para Alternativa dos Veciños, 4 para o PP, 2 para o PSOE, 1 para o BNG-Asembleas Abertas), o reconto completo do escrutinio deixa para nós unha cifra final de 966 votos (913 hai catro anos): 53 votos máis. Contabilizando só os votos válidos a candidaturas, é algo máis do 6.16 % dos votos.

Facendo un percorrido polo comportamento electoral das diferentes parroquias e distritos electorais (que achegamos en documento anexo), compróbase que a tendencia do BNG-Asembleas Abertas foi de pequeno crecemento en case todas as parroquias, coas excepcións de Perillo, Nós e, en menor medida, Dorneda e Dexo. Son destacábeis os pequenos incrementos de votos a respecto de 2011 no Valiño, en Iñás ou en Maianca, como destacábel é que sumando os resultados das 3 mesas onde vota o electorado do núcleo urbano de Santa Cruz o BNG-Asembleas Abertas resultou ser a 3ª forza política, con algo máis dun 10 % do voto, por diante do PSOE. É na parroquia de Liáns e, sobre todo, na de Perillo (onde se concentra o maior número de electoras/es) onde, de novo, obtemos o noso mellor resultado, destacando o incremento de votos en Liáns. Como curiosidade, cabe destacar tamén que o BNG-Asembleas Abertas vén de obter o seu mellor resultado na zona urbana de Mera (repartida entre as parroquias de Maianca e Serantes) nunhas municipais (desde a primeira vez que o BNG se presentou ás mesmas, en 1999).

Precisamente, será en Mera onde celebremos mañá venres, 5 de xuño, unha asemblea aberta para valorarmos colectivamente estes resultados, así como o novo panorama político resultante destas eleccións, tanto a nivel local como nacional. Será asembleariamente como decidamos, entre tod@s, cal será a nosa estratexia política no novo contexto e mesmo, no concreto, cal será o sentido do noso voto na investidura do Alcalde, no pleno constituinte do 13 de xuño. Será esta a ferramenta -as asembleas abertas á participación de militantes, simpatizantes e toda a cidadanía que se identifique co noso proxecto e queira participar destes procesos -a que no sucesivo escolleremos para a nosa toma de decisións. Facémolo desde a consciencia de que en Oleiros e en Galiza o BNG é algo máis que a súa afiliación: un espazo humano moito máis amplo que aspiramos a activar politicamente, a cuxa implicación convidamos como mellor maneira de afortalar un instrumento político que é e quere ser expresión da vontade política de Galiza de existir como nación a través de organizacións propias.

A asemblea aberta de mañá venres celebrarase a partir das 21 horas no Mesón Maruxa de Mera (R/ Doutor Fleming, 4 - subindo para o Auditorio Gabriel García Márquez e a Casa do Pobo).

cadro comparativo resultados municipais 2015

acta proclamación definitiva Oleiros 2015