A FORMACIÓN CONSIDERA FUNDAMENTAL O CRITERIO AMBIENTALISTA Á HORA DE AVALIAR AS CONSECUENCIAS DOS VERTIDOS DE TERRA PARA A BIODIVERSIDADE DOS RÍOS E DO MAR

O BNG de Oleiros solicita a colectivos ecoloxistas o seu parecer sobre a chegada do lodo das obras de Xaz á baía de Santa Cruz

A inquietude crecente de veciñas e veciños de zonas de Dorneda e Santa Cruz pola presenza constante de lodo en grandes cantidades na auga dos regatos da contorna e no mar desde que se iniciaron en Xaz as obras previas á futura urbanización do ámbito, vén de levar ao BNG de Oleiros a se dirixir por escrito a catro colectivos ecoloxistas con presenza e forte raigame na comarca da Coruña, ADEGA, Verdegaia, Hábitat e Sociedade Galega de Historia Natural, para pedir a súa opinión e avaliación sobre os efectos que estes vertidos poderían ter para os ecosistemas fluviais e costeiro.

O outono, e unha maior frecuencia de días de chuvia, ten provocado que a lama arrastrada polas augas do río, procedentes da zona das obras, estea a chegar á baía de Santa Cruz en grandes cantidades, especialmente os días de maiores precipitacións. O gran movemento de terras que se está a producir na contorna de Xaz, previo á maior actuación urbanística que se leva producido en Oleiros nos últimos tempos, fai que as medidas protectoras da empresa que acomete eses traballos, López Cao, en forma de balsas de decantación, non sexan quen de evitar que a terra acabe chegando aos cursos fluviais e, por eles, ao mar. Así o está a constatar, ademais, Augas de Galiza nas inspeccións que está a facer na zona.

A chegada destas grandes cantidades de barro á baía de Santa Cruz está a causar un crecente grao de preocupación entre a veciñanza da localidade, consciente do valor da biodiversidade que encerra a faixa costeira da vila, máis alá do seu evidente valor paisaxístico; inquietude que tamén se nos está a trasladar, diariamente, ao grupo municipal do BNG.

Diante da situación que se está a producir, o Bloque de Oleiros entende que a prioridade debe ser determinar se o depósito de lodos procedentes das obras de Xaz no fondo dos ríos que atravesan parte das parroquias de Dorneda e Liáns e no da baía de Santa Cruz é un fenómeno alterador da biodiversidade, en que medida e con que consecuencias. Para iso, entende o BNG, é fundamental contar co criterio das persoas e colectivos que mellor coñecen o territorio e traballan cada día en favor da súa conservación e divulgación.