UN HOME QUE PASEABA O SEU CAN NA MADRUGADA DO VENRES 7 AO SÁBADO 8 CAEU NUNHA DAS ESTRUTURAS ABANDONADAS E PERMANECE HOSPITALIZADO CON LESIÓNS GRAVES

O BNG solicitará acceder aos requirimentos enviados polo Concello de Oleiros á Demarcación de Costas para o amaño dos foxos do Parque do Seixo logo do grave accidente acontecido o pasado venres na zona

Logo do grave accidente acontencido na madrugada do venres 7 ao sábado 8 de setembro no Parque do Seixo, na zona verde próxima ao límite municipal con Cambre, o BNG de Oleiros solicitará con carácter inmediato ao goberno municipal poder acceder ao expediente no que consten todos os requirimentos enviados nos últimos nove anos á Demarcación de Costas para o debido amaño dos antigos embarcadoiros da ría, hoxe abandonados e convertidos en simples foxos ou buratos cheos de lodos, vexetación e todo tipo de residuos.

O BNG de Oleiros comezou a alertar no ano 2009 do mal estado destas antigas estruturas, situadas na parte baixa do Parque do Seixo, na zona máis próxima á beira da ría, e do perigo que representan para a seguridade de persoas e animais, instando desde entón a accións inmediatas como pechar o seu perímetro para impedir o acceso e sinalizalas debidamente.

Ao longo de tres mandatos sucesivos, practicamente unha vez por ano, o BNG trasladou ao pleno municipal de Oleiros a preocupación veciñal polo estado destes foxos abandonados. A resposta do goberno municipal da Alternativa dos Veciños foi nos últimos anos, invariabelmente, que non era posíbel ningunha actuación municipal porque a administración competente para actuar é a Demarcación de Costas. Perante a falta de respostas e de accións, o 3 de novembro de 2016 o BNG oleirense encintou simbolicamente os embarcadoiros e colocou sinais de advertencia de perigo.

Na madrugada do venres 7 ao sábado 8 de setembro un home que paseaba o seu can por esta zona, como tantas outras veces, accidentouse caendo a un dos vellos embarcadoiros, de catro metros de profundidade, ao desorientarse, seguramente, pola falta de iluminación nesa zona do parque. Permanece hospitalizado, con lesións de gravidade.

O BNG de Oleiros lamenta ter que falar dun accidente que ben se podía ter evitado se se tivesen atendido adecuadamente os continuos avisos, solicitudes e rogos formulados ao longo de case unha década e as distintas administracións públicas non tivesen mirado para outro lado. Demarcación de Costas e Concello deben pórse de acordo para, con carácter inmediato, facer un estudo da zona que defina as actuacións máis urxentes, dado o grave estado de deterioro do terreo que padece a parte do parque máis próxima á ría e o perigo que representa para a seguridade.