A importancia da rendición de contas

Eis o artigo no número da publicación municipal Vivir en Oleiros que estes días está a chegar ás casas, publicado no pequeno espazo que o goberno municipal dá en asignarnos. Aquí polo menos podédelo ler cunha letra non microscópica.

A importancia da rendición de contas

A importancia da rendición de contas

Este próximo xuño fará 3 anos que botou a andar o actual mandato municipal e faltará menos de un para que teñamos que escoller nas urnas unha nova corporación. Toca ir facendo repaso, sen présas pero sen pausas, do traballo feito e do que deu de si a todos os niveis esta lexislatura. Esa análise, que xa virá no seu momento, non a faremos sós; queremos que a fagades vós connosco -as veciñas e os veciños- a través dun diálogo previo que vos explicaremos nos próximos meses como funcionará.

Ao BNG parécenos moi importante a rendición de contas sobre o traballo municipal feito. Render contas equivale a informar e explicar o feito e o proposto, mais tamén dialogar, escoitar e, se fai falta, levar tiróns de orellas. Somos conscientes de que o labor que facemos no Concello é difícil que chegue á rúa fóra da xente que ten costume de acudir aos plenos ou seguilos pola radio. Daí a importancia do proceso informativo que nos próximos meses poremos en marcha en todas as parroquias. Pensamos que é unha tarefa ética que nos implica a todas/os: tanto ao grupo de goberno como aos grupos da oposición. Cada quen, obviamente, de xeito diferente dependendo do seu grao de responsabilidade.

Así é como comezaremos a definir no BNG tanto as liñas xerais como moitas das propostas concretas do noso programa de dentro dun ano. Priorizando, unha vez máis, os proxectos e as ideas sobre as quinielas de nomes. Tempo haberá.