O BLOQUE PROPÓN CONVERTER O CENTRO MUNICIPAL DE FORMACIÓN NO "MOTOR COORDINADOR" DUNHA ESTRATEXIA DE CREACIÓN DE EMPREGO ORIENTADA Á CREACIÓN DE COOPERATIVAS E Á ECONOMÍA SOCIAL

O BNG impulsará desde o Concello políticas públicas claras para a dinamización da economía local

www.oleiros.org
www.oleiros.org

O Bloque propón converter o Centro Municipal de Formación no "motor coordinador" dunha estratexia de creación de emprego orientada á creación de cooperativas e á economía social. A candidatura encabezada por Fran Rei tamén propón crear un "observatorio" municipal para a acción social, que recolla e analice datos propios para orientar as políticas municipais.

O BNG impulsará desde o Concello políticas públicas claras para a dinamización da economía local

Coordinar a acción social e deseñar políticas públicas "decididas" para dinamizar a economía local a través da creación de emprego de calidade, contribuíndo todo o posíbel a acabar coa lacra do desemprego, mais tamén coa da precariedade laboral, antesala da pobreza e da exclusión, é outro dos piares fundamentais do programa electoral do BNG de Oleiros para as eleccións municipais deste vindeiro domingo 26. 

O BNG traballará por adaptar á realidade específica e ás necesidades de Oleiros estratexias de dinamización económica que están a funcionar ben, en ocasións desde hai xa anos, en concellos onde o nacionalismo ten responsabilidades de goberno. 

O candidato nacionalista á alcaldía oleirense, Fran Rei, está convencido de que desde o concello se pode facer "moito máis" en materia de dinamización da economía local que "editar, con gran malgasto de papel, unha guía telefónica de negocios locais que aos poucos meses xa queda desfasada" ou limitarse a "negociar" a contratación de veciñas e veciños en empresas "que non se caracterizan precisamente pola calidade do seu emprego ou o respecto aos dereitos laborais". 

Ás propostas xa presentes en programas electorais nacionalistas anteriores, como a elaboración dun Plan Estratéxico de Comercio (PECO), unha estratexia específica destinada á revitalización económica e social de Santa Cristina ou a creación dun "banco" de baixos comerciais e oficinas en aluguer, o BNG suma no seu programa a idea de facer do Centro Municipal de Formación Issac Díaz Pardo, nos Regos, o "corazón" e o "cerebro coordinador" das políticas de dinamización económica local, aproveitando para iso os recursos xa existentes. 

Así, o Bloque propón no seu programa que o CMF coordine a creación de empresas cooperativas en atención ao perfil laboral, formativo e social das persoas desempregadas e oriente os seus esforzos divulgativos e formativos cara ao ámbito emerxente da economía social, especialmente ás persoas menores de 25 e maiores de 45. 

Creación dun Observatorio Social municipal 

Unha das medidas que o BNG propón no apartado de acción social do seu programa é a creación dunha área ou departamento municipal especificamente dedicada á investigación sobre a realidade social, económica e laboral da poboación de Oleiros. Este observatorio, que no futuro ben podería ter carácter metropolitano, fornecerá de datos concretos e actualizados en áreas como a económica e laboral, a de vivenda ou a educativa, imprescindíbeis para poder deseñar con precisión as políticas públicas necesarias para estes ámbitos. Este instrumento situaría a Oleiros na vangarda da investigación para a acción social en Galiza, conectando coa súa mellor tradición de apoio á cooperación, a igualdade e a xustiza social.