A CANDIDATURA ENCABEZADA POR FRAN REI CRE NECESARIO PLANIFICAR POLÍTICAS PÚBLICAS QUE OPTEN POR NON SEGUIR "PRESIONANDO" O TERRITORIO

Unha nova "estratexia verde" para Oleiros, tema central do noso programa

Wikipedia
Wikipedia

A candidatura encabezada por Fran Rei cre necesario planificar políticas públicas que opten por non seguir "presionando" o territorio. Fran Rei: "Oleiros foi pioneiro en impulsar políticas ambientalistas desde o eido local; hai que recuperar o espírito de Biotopo e proxectar ese 'legado verde' cara ao futuro para que o recolla a xente nova".

Unha nova "estratexia verde" para Oleiros, tema central do noso programa

A defensa do medio natural e dos ricos valores paisaxísticos do municipio, tanto na súa faixa costeira como no interior, redeseñar coa vista posta no futuro a planificación urbanística para limitar todo o posíbel a súa "presión" sobre o territorio, a educación ambiental, a ampliación de medidas de eficiencia enerxética e de consumo responsábel ou a introdución de medidas de control forestal de especies arbóreas que favorecen a proliferación dos incendios, como os eucaliptos, son algúns dos eixos da ampla proposta ambiental incluída no programa do BNG de Oleiros para as eleccións municipais do vindeiro domingo 26. 

Definir toda unha nova "estratexia verde" municipal para garantir un futuro máis sustentábel nun momento de emerxencia ambiental a escala planetaria como a que supón o chamado Cambio Climático, é unha das principais prioridades políticas do Bloque oleirense e será, se a veciñanza o quixer o vindeiro domingo, un dos piares centrais da acción de goberno. 

Canto ao medio natural, a paisaxe e o territorio, o BNG aposta decididamente por aumentar os espazos naturais protexidos no municipio, traballando por ampliar a Rede Natura a outros espazos costeiros de gran singularidade (praia de Naval, praia de Bastiagueiro Pequeno, costa de Breixo en Dorneda) e por impulsar de vez espazos como a lagoa de Mera e a costa de Santa Cruz como ENIL (espazo natural de interese local), ampliando esta catalogación a zonas do municipio como Maianca (contorna do río Xentiña), Liáns (fraga do Bañil e Bosque dos Veciños) ou Nós (Finca Tenreiro, ribeiras do rego de San Pedro). Con todo, o BNG cre imprescindíbel que a protección do territorio debe ir acompañada dunha correcta xestión do mesmo. Por este motivo, traballará activamente por definir un plan de xestión para cada un dos espazos a preservar. 

O BNG propón a través do seu programa que a planificación urbanística futura de Oleiros vaia moi ligada á conservación de bosques e humidais preexistentes, reducindo "até o máximo posíbel" a presión sobre o territorio que supón un modelo urbanístico extensivo como o actual e apostando con decisión polo deseño de "corredores verdes" que interconecten uns espazos naturais con outros ao longo de todo o concello, garantindo, por exemplo, "pasos seguros" para a fauna silvestre, de maneira que esta non acabe "invadindo" o espazo urbano, como acontece na actualidade.

"Oleiros pode e debe facer moito máis en materia de educación ambiental", sostén o candidato nacionalista á alcaldía, Fran Rei, quen cre necesario implicar non só a poboación en idade escolar, senón o conxunto da veciñanza, mediante accións periódicas de formación, accións comunitarias distribuídas ao longo do ano, experiencias de voluntariado ambiental ou plans participativos de custodia do territorio. "O noso concello foi pioneiro en educar nos valores do ambientalismo a toda unha xeración a través de Biotopo; demostrou o moitísimo que se pode facer polo medio ambiente desde un concello", asegura Rei. 

Recuperar aquel espírito, "aquela paixón", proxectándoo cara ao futuro para que o recollan as xeracións máis novas será unha das grandes prioridades do BNG para Oleiros.