Imprimir

O BNG demanda, xunto con varias familias, o reforzamento do servizo de pediatría no Centro de Saúde de Santa Cruz

bngoleiros | 08 de Novembro de 2018

A non cobertura de baixas nin vacacións, a non existencia de pediatra no Centro de Saúde da Covada e a precariedade do servizo no Consultorio de Mera agravaron o problema durante todo o mes de outubro.

Este pasado 31 de outubro o BNG de Oleiros, xunto con varias nais de nenas e nenos en idade de atención pediátrica, denunciamos publicamente a grave situación de colapso que desde hai tempo vive este servizo no Centro de Saúde de Santa Cruz.

A situación foi especialmente grave durante todo o mes de outubro: en Santa Cruz prestan servizo dúas pediatras; unha delas en xornada completa e outra tendo que atender tamén, dúas medias mañás á semana, no consultorio da Casa do Mar de Mera. A estas dúas médicas o SERGAS non lles está a cubrir con substitucións nin baixas nin vacacións, situación que tamén puidemos saber que se está a producir no caso das médicas e médicos de familia.

Resultado desta nefasta planificación de recursos por parte do SERGAS foi a aparición de listaxes de agarda en pediatría dunha semana e un colapso acrecentado polo feito de que, ao estar de vacacións a pediatra que atende en Mera e a outra médica non facelo, as familias merachas tiveron que estar traendo as crianzas a Santa Cruz.

Evidentemente, moitas doenzas non poden agardar unha semana para seren tratados e as familias, como é lóxico, acaban optando por levaren as súas nenas e nenos a que os atendan no servizo de Urxencias, acrecentando así o colapso crónico que xa padece. Mais é que en Oleiros o servizo de pediatría de urxencias é prestado en situación de gran precariedade: dúas horas á semana, os sábados, no único PAC do concello, o de Santa Cruz. Fóra de aí, a solución é levar as crianzas ao Materno Infantil da Coruña.

O BNG de Oleiros e varias familias con nenas e nenos vimos reclamando desde hai tempo un imprescindíbel reforzamento do servizo de pediatría no noso municipio, un dos de máis alta taxa de natalidade e máis alta porcentaxe de poboación infantil de Galiza. Xa o ano pasado reclamamos, a través dunha moción no pleno do Concello e dunha iniciativa no Parlamento, a creación dunha praza de pediatría no Centro de Saúde da Covada, en Oleiros, o único que neste momento non ten, nin sequera unhas horas á semana. A creación deste servizo na capital municipal contribuiría a desconxestionar Santa Cruz e aliviaría tamén o Centro de Saúde de Perillo, onde prestan servizo tres pediatras.

O BNG demanda tamén o reforzamento do servizo de pediatría no Consultorio de Mera, só atendido dúas mañás á semana por unha das médicas de Santa Cruz. Este consultorio, ademais, non presta servizo para nenas e nenos durante todo o mes de agosto, xusto o momento do ano no que máis poboación hai na localidade.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/propostas/bng-demanda-xunto-varias-familias-reforzamento-do-servizo-pediatria-centro-saude-santa-cruz/20181108194850000915.html


© 2018 BNG de Oleiros

Bloque Nacionalista Galego

Lar Espazo Aberto. 
Rúa Dolores Ibárruri nº6, baixo. 
Santa Cruz de Liáns
15179 Oleiros (GALIZA)
Teléfono: +34679721687 (Fran Rei, portavoz municipal)
Correo: bng.oleiros@gmail.com
Facebook: https://es-es.facebook.com/bng.oleiros
Twitter: https://twitter.com/BNGOleiros