Imprimir

O BNG de Oleiros conmemora o Día da Galiza Mártir cunha homenaxe aos cesteiros xitanos soterrados no adro da igrexa de Liáns

bngoleiros | 16 de Agosto de 2018

Os catro artesáns, todos da mesma familia, foron asasinados por un comando fascista. Os corpos apareceron no quilómetro 2 da estrada que vai de Perillo a Oleiros. Dous dos cesteiros tiñan 14 e 16 anos.

O BNG de Oleiros vén conmemorando ininterrompidamente desde o ano 1996 o Día da Galiza Mártir, data instituída pola Irmandade Galega de Arxentina, presidida por Castelao, con motivo do fusilamento do economista Alexandre Bóveda, fundador e secretario de organización do Partido Galeguista, en Poio o 17 de agosto de 1936.

Este ano será a primeira vez, porén, que o acto do Día da Galiza Mártir en Oleiros non se faga na Praza da Liberdade de Nós, espazo habitualmente escollido por ter sido esta parroquia oleirense a que con máis saña padeceu a represión franquista.

Nos últimos anos o BNG de Oleiros dedicou a conmemoración deste Día da Galiza Mártir á recuperación de capítulos locais da dura represión perpetrada polo fascismo: a detención, e posterior asasinato, do pintor Francisco Miguel na súa casa de Santa Cruz, en presenza da súa muller e fillos pequenos; a memoria de Tomás Arévalo Pardo, alcalde democrático de Oleiros durante a maior parte da 2ª República; ou a historia dos guerrilleiros antifascistas Xosé María Castelo e Carme Temprano, parella afectiva e de loita, veciños de Iñás e do Carballo, asasinados en 1949 (os restos de Castelo, soterrados nunha fosa común xunto aos corpos doutros guerrilleiros, acaban de ser entregados á súa familia).

Este domingo 19 de agosto, ás oito da tarde, o BNG de Oleiros, coa colaboración de Galiza Nova, homenaxeará a memoria dos catro xitanos cesteiros, todos da mesma familia, soterrados na parte esquerda do adro da igrexa de Santaia de Liáns. O 30 de setembro de 1936 os corpos de tres deles, Antonio Montoya Camacho, Antonio Camacho Lovato e Antonio Montoya Camacho (en dous deles coinciden nome e apelidos), aparecían asasinados no quilómetro 2 da estrada que vai de Perillo a Oleiros, na zona onde se sitúa o antigo Colexio Videlba. Perto tamén de Vila Galicia, a quinta de verán de Casares Quiroga. Uns días despois aparecería aínda o corpo de Manuel Jiménez Montoya. Dous dos asasinados tiñan 14 e 16 anos. O crime, un máis daqueles tráxicos “paseos”, nunca foi minimamente investigado.

Na homenaxe deste domingo, conducida pola actriz Isabel Risco, participarán familiares dos asasinados e outros membros do pobo xitano en Galiza. Haberá unha intervención poética de Manuel Rivas, autor dun poema dedicado a estes xitanos cesteiros incluído no seu libro A boca da terra (2015), e unha pequena actuación musical a cargo do grupo Maraxe. Tamén unha intervención política do deputado do BNG no Parlamento de Galiza Xosé Luís Rivas “Mini”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/destacadas/bng-oleiros-conmemora-dia-da-galiza-martir-homenaxe-aos-cesteiros-xitanos-soterrados-adro-da-igrexa-lians/20180816180115000909.html


© 2018 BNG de Oleiros

Bloque Nacionalista Galego

Lar Espazo Aberto. 
Rúa Dolores Ibárruri nº6, baixo. 
Santa Cruz de Liáns
15179 Oleiros (GALIZA)
Teléfono: +34679721687 (Fran Rei, portavoz municipal)
Correo: bng.oleiros@gmail.com
Facebook: https://es-es.facebook.com/bng.oleiros
Twitter: https://twitter.com/BNGOleiros