Imprimir

O BNG de Oleiros organiza unha andaina pola parroquia de Dorneda para o domingo 22 de xullo

bngoleiros | 19 de Xullo de 2018

Coñecer nomes de lugares non sinalizados no nomenclátor oficial e que xa só perviven na tradición oral, historias e lendas asociadas a casas e persoeiros que habitaron e traballaron estas terras, pór en valor unha riqueza paisaxística non sempre valorada e descubrir os valiosos elementos patrimoniais que aparecerán no camiño son algúns dos obxectivos da andaina que o BNG de Oleiros organiza este domingo 22 de xullo, con saída ás 12 da mañá, desde o Cemiterio de Dorneda até o Castro e a Casa Grande de Xaz.

O BNG oleirense propón este roteiro como un xeito diferente de conmemorar a nivel local a proximidade do Día da Patria Galega, o 25 de xullo, ao igual que fai o BNG e outros colectivos sociais e culturais doutras moitas localidades do país.

A andaina, que é de baixa dificultade e na que, por tanto, poderán participar todos os públicos interesados sen necesidade de inscrición previa, será guiada polo profesor de Lingua Galega Antón Porto, veciño de Santa Cruz, e polo arqueólogo Antón Malde, quen explicará as características do Castro de Xaz, un dos máis interesantes xacementos arqueolóxicos do concello. Malde ten sido, de feito, o responsábel dalgunha das máis recentes investigacións en relación co castro.

Este paseo lúdico irá penetrando no interior da parroquia de Dorneda seguindo o curso do Río do Couto, por onde se subirá cara a Abeleiras e o Castro de Xaz, para finalizar nas inmediacións da Casa Grande de Xaz (habitualmente mal referenciada como Pazo de Xaz), en cuxas inmediacións é xa ben visíbel a pegada do inicio das obras do futuro campo de golf e a urbanización a el asociada.

O roteiro dará inicio ás 12 da mañá no Cemiterio de Dorneda cunha pequena homenaxe a Tomás Arévalo Pardo, alcalde de Oleiros durante a maior parte da etapa da Segunda República e veciño de Dorneda, cuxos restos alí descansan. Na homenaxe participará unha representación da súa familia, en cuxo nome falará a súa neta política Rose Conchado, e haberá acompañamento musical a cargo do Grupo Tradicional Dorna de Dorneda.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/outras-novas/bng-oleiros-organiza-andaina-pola-parroquia-dorneda-domingo-22-xullo/20180719212853000905.html

© 2018 BNG de Oleiros

Bloque Nacionalista Galego

Lar Espazo Aberto. 
Rúa Dolores Ibárruri nº6, baixo. 
Santa Cruz de Liáns
15179 Oleiros (GALIZA)
Teléfono: +34679721687 (Fran Rei, portavoz municipal)
Correo: bng.oleiros@gmail.com
Facebook: https://es-es.facebook.com/bng.oleiros
Twitter: https://twitter.com/BNGOleiros