O "Caso Maxi" chega ao Parlamento de Galiza da man do BNG

O "Caso Maxi" chega ao Parlamento de Galiza da man do BNG

A Comisión 2ª da Cámara acolle unha pregunta oral de Francisco Jorquera e Ana Pontón sobre o impacto visual e ambiental que causará a nova edificación no litoral de Santa Cruz 

A Comisión 2ª do Parlamento de Galiza, de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, acolle na súa sesión de hoxe unha pregunta oral do grupo parlamentar do BNG, formulada polo deputado Francisco Jorquera e pola deputada Ana Pontón, sobre o proxecto urbanístico na parcela do antigo Hotel Maxi, en Santa Cruz (Oleiros).

Concretamente, o deputado e a deputada do BNG preguntarán á Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas polo impacto visual e ambiental que causará no borde litoral do núcleo oleirense do Porto de Santa Cruz a construción dun novo edificio, inicialmente proxectado como hotel de luxo e logo reformulado como apartahotel, que segundo o estudo de detalle aprobado poderá acadar unha altura de até os 18.5 metros no seu punto máis elevado e ocupar a práctica totalidade da frente da parcela na que durante décadas estivo emprazado o Hotel Maxi até o seu peche en novembro de 2006 e posterior demolición, na primavera de 2013.

Francisco Jorquera e Ana Pontón demandan coñecer da Consellaría os criterios empregados por esta para dar o seu visto e prace á construción do novo “maxi-edificio” no ámbito das súas competencias e por que a Administración Autonómica non considerou necesario realizar o trámite de avaliación ambiental estratéxica, a pesar da singularidade paisaxística e natural da contorna, nin entendeu como preceptivo o trámite de informe de Patrimonio, malia a proximidade do conxunto formado pola Illa e o Castelo de Santa Cruz, declarado Ben de Interese Cultural, situado a escasos 200 metros da finca onde se proxecta a nosa edificación.

O BNG traslada a cuestión ao Parlamento de Galiza a instancias da plataforma veciñal Santa Cruz Aberta ao Mar, formada por veciñas e veciños da localidade oleirense que se opoñen á construción do novo edificio no espazo previsto e propoñen activar unha solución urbanística que, mediante un xusto acordo coa empresa propietaria do terreo, garanta que este quede libre de construcións que supoñan un apantallamento urbanístico e pasaixístico dun dos espazos costeiros máis emblemáticos do concello de Oleiros e da comarca coruñesa.

O "Caso Maxi" chega ao Parlamento de Galiza da man do BNG