FRAN REI PARTICIPOU, EN REPRESENTACIÓN INSTITUCIONAL DO CONCELLO DE OLEIROS, NO EMOTIVO ACTO ORGANIZADO POLA ARMH E OS CONCELLOS DO VAL DO DUBRA E NEGREIRA NO AUDITORIO DE BEMBIBRE O PASADO 28 DE XULLO

Os restos mortais do guerrilleiro antifranquista de Iñás Xosé María Castelo Mosqueira poderán voltar, por fin, á súa terra

Xosé_María_Castelo_Mosquera

O portavoz municipal nacionalista en Oleiros, Fran Rei, representou oficialmente o Concello no acto público que tivo lugar no mediodía do pasado sábado 28 de xullo no Auditorio de Bembibre, no Val do Dubra, no que se entregaron ás familias os restos mortais dos catro guerrilleiros antifranquistas asasinados pola Garda Civil naquel municipio en marzo de 1949 e soterrados nunha fosa común na parroquia dubresa de Paramos. Entre as vítimas daquela execución estivo o oleirense Xosé María Castelo Mosquera, “Casteliño” ou “Doutor”, natural da Xesta (Iñás).

A delegación da representación institucional do Concello de Oleiros na persoa de Fran Rei foi proposta polo propio Ángel García Seoane no transcurso do pleno municipal celebrado o 26 de xullo a raíz dun rogo do BNG para que o goberno local enviase algunha representación ao acto que coorganizaron os concellos do Val do Dubra e Negreira, a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) e familiares das vítimas. A proposta do alcalde foi apoiada polo pleno por asentimento e Fran Rei aceptou a dita encomenda, materializada por medio dunha providencia da Alcaldía.

A identificación e exhumación dos restos mortais dos guerrilleiros antifascistas foi posíbel grazas aos traballos desenvolvidos pola ARMH sobre o terreo. O acto solemne que tivo lugar en Bembibre, cargado de emotividade, pon o ramo a un proceso de reparación e xustiza iniciado en setembro de 2016.

No acto tomou a palabra, en representación da familia de Castelo a súa sobriña neta Nieves, quen fixo unha semblanza do percorrido vital do seu tío: un home normal de orixes populares, sempre traballador, condenado desde cedo a todo tipo de penalidades pola firme defensa dos seus ideais de liberdade. A familiar de Che, como así era chamado Castelo familiarmente, deu a coñecer un dato biográfico descoñecido: antes de se incorporar á guerrilla antifascista na chamada IV Agrupación xunto á súa amada Carme, Castelo estivo prisioneiro no campo de concentración de Lavacolla, onde foi obrigado a facer traballos forzados. A única fotografía conservada del é, de feito, a da súa ficha de preso en dito campo. Nel vemos un home extremadamente delgado, queimado polo sol, que porén conserva unha ollada limpa e un rostro tranquilo e sereno, cheo de dignidade.

Como no caso dos outros dous compañeiros e da compañeira de loita de Castelo cuxos restos foron recuperados da fosa común de Paramos, a ARMH fixo entrega á familia dunha caixiña con diversos obxectos persoais, achados na dita fosa, que pertenceron ao guerrilleiro asasinado.

En agosto do ano pasado o BNG de Oleiros dedicou o seu tradicional acto da Praza da Liberdade de Nós para conmemorar o Día da Galiza Mártir á recuperación da memoria de Xosé María Castelo, “Casteliño”, e da súa compañeira Carme Temprano Salorio, tamén integrante da guerrilla antifranquista, veciña do Carballo, núcleo lindeiro co da Xesta.

Parella afectiva e tamén de compromiso ideolóxico, ambos incorporáronse xuntos á guerrilla antifranquista, combatendo na chamada IV Agrupación. Ambos acharían a morte na mesma fuxida dos continuos cercos da Garda Civil, se ben Carme ficou moi mal ferida nun enfrentamento en Zas (Negreira) o 5 de marzo de 1949. Morreu e foi soterrada no cemiterio negreirés de Aro nun primeiro momento, se ben logo a súa familia a acabaría trasladando ao sadense do Fiunchedo. O seu compañeiro Castelo, que conseguiu escapar daquel cerco, non chegaría moi lonxe: en Paramos, xunto cos compañeiros que fuxían con el, foi apreixado e asasinado.

Case 70 anos despois daquel capítulo da represión franquista procédese a recuperar a memoria democrática e reestabelecer a verdade histórica do acontecido.

Os restos mortais do guerrilleiro antifranquista de Iñás Xosé María Castelo Mosqueira poderán voltar, por fin, á súa terra