O novo modelo de transporte metropolitano debe ser consensuado e participativo ou será un fracaso

En Oleiros, con case 40.000 habitantes reais, unha estrutura de poboación moi dispersa e a mobilidade como un dos problemas estruturais máis acuciantes en moi boa parte do municipio

O novo modelo de transporte metropolitano debe ser consensuado e participativo ou será un fracaso

Oleiros, 1 de xullo de 2016.- Un dos temas tratados no Pleno municipal de onte foi o do transporte metropolitano, cunha proposta traída polo goberno municipal (consensuada polos gobernos da Coruña e de todos os concellos da área metropolitana) na que se demanda da Xunta de Galiza poder participar tanto do deseño da nova estrutura do transporte metropolitano que se anuncia como da revisión das concesións administrativas ás empresas que veñen prestando o servizo de transporte de viaxeir@s por estrada.

O BNG-Asembleas Abertas votou a favor desta proposta aínda parécendolle un texto demasiado morno, pouco contundente coa Xunta pola súa responsabilidade na actual situación que padecen as liñas de autobuses e moi mellorábel en canto a propostas concretas a facer. Porén, parécenos que a reformulación do sistema pode e debería ser unha oportunidade a non desaproveitar despois de tantísimo tempo perdido en declaracións, "estudos de viabilidade" e outras andrómenas varias. É cuestión de vontade política e, se se quere, pódese.

En Oleiros, con case 40.000 habitantes reais, unha estrutura de poboación moi dispersa e a mobilidade como un dos problemas estruturais máis acuciantes en moi boa parte do municipio, sabemos moi ben o que é estar a anos luz en materia de transporte de calquera comarca europea cunhas características de poboación similares á comarca coruñesa. Resulta sangrante lembrar a de regos de tinta que teñen corrido ao fío da ampliación de Alvedro, como se todas as persoas da comarca viaxásemos en avión a Madrid todos os días, e o silencio que a inmensa maioría de "opinadores" veñen mantendo historicamente coa situación do transporte público por estrada, ou coa eliminación total do transporte marítimo a través da Ría, borrado dun plumazo por intereses máis que evidentes.

No BNG de Oleiros pensamos que para que a nova ordenación do transporte metropolitano non fracase debe ser definida de maneira participativa: non só da Xunta cos concellos, senón tamén contando coa xente: coas asociacións veciñais, cos colectivos que veñen traballando no ámbito da mobilidade, con plataformas de [email protected] é unha ordenación feita desde "arriba", como sempre, tememos que non sirva para nada. Ademais, non debe ser só cuestión de reducir o problema a ver "até que sitio da Coruña" entran as liñas, senón a utilidade real que moverse en transporte público pode ter para a xente de xeito que sexa visto como unha alternativa mellor (máis barata, máis cómoda, máis operativa) a facelo en vehículo particular. Para iso hai que falar de conectividades útiles, de frecuencias axeitadas, de rutas non só radiais, de prezos, de horarios, de reforzos do servizo nas horas puntas para que a xente non teña que ir de pé nos buses, de revisar as continuas avarías técnicas que dan as tarxetas-moedeiro, etc.

foto calpita victor echave

Foto de Víctor Echave para La Opinión da Coruña (fonte: Google).

O novo modelo de transporte metropolitano debe ser consensuado e participativo ou será un fracaso