O VENRES 2 DE FEBREIRO A ASOCIACIÓN ANIMALISTA LIBERA, A FUNDACIÓN FRANZ WEBER E O BNG DE OLEIROS REALIZARÁN EN SANTA CRUZ UNHA CHARLA INFORMATIVA SOBRE A NOVA LEI DE BENESTAR ANIMAL DE GALIZA E O SEU IMPACTO EN OLEIROS.
Charla informativa sobre a nova Lei de Benestar Animal de Galiza
Este venres 2 de febreiro ás 20.30 horas agardámosvos no local de Xanzá, en Santa Cruz (Rúa Ricardo Cubeiro, frente ao Portocovo e ao Centro Cívico), para termos un primeiro coloquio sobre a nova Lei de Benestar Animal de Galiza e o seu impacto en Oleiros.
A Lei de Benestar Animal de Galiza recentemente aprobada polo Parlamento introduce obrigas concretas de actuación a nivel local que deben ser desenvolvidas polos concellos.
Oleiros conta desde 2002 cunha Ordenanza municipal de protección dos animais que, sen dúbida, introduciu naquel momento medidas positivas, como a prohibición expresa de empregar animais en espectáculos. Porén, a realidade social mudou desde aquela e tamén o grao de sensibilidade cara ao benestar dos animais. Calcúlase que no noso municipio hai rexistrados aproximadamente 15.000 cans, unha proporción de un por cada dúas persoas.
Esta realidade concreta, moi vinculada ás peculiares características habitacionais de Oleiros, parécenos máis que suficiente para avanzar na definición dunha estratexia local de benestar animal semellante á que concellos próximos da nosa contorna xa teñen. O pasado marzo de 2017, da man dos colectivos animalistas que traballan na nosa comarca, trasladamos ao pleno do Concello unha proposta nesta dirección, mais foi rexeitada. Como desestimadas acaban de ser as alegacións ao Orzamento municipal para 2018 presentadas polos mesmos colectivos animalistas.
Este inicial rexeitamento do goberno municipal non nos desanima a seguirmos traballando para abrir un debate social que nos parece inaprazábel. Este venres 2 de febreiro ás 20.30 horas agardámosvos no local de Xanzá, en Santa Cruz (Rúa Ricardo Cubeiro, frente ao Portocovo e ao Centro Cívico), para termos un primeiro coloquio sobre estes temas. Acompañaranos Rubén Pérez Sueiras, activista da Asociación animalista Libera e coordinador de campañas da Fundación Franz Weber.
Agardámosvos!