O SEMÁFORO DA AVENIDA ROSALÍA DE CASTRO SITUADO NO INICIO DA “MINIRROTONDA” DE PERILLO PADECEU ONTE A SÚA SEGUNDA AVARÍA EN MENOS DUN MES. O DA RÚA DA BARREIRA TAMPOUCO FUNCIONABA.
O BNG de Oleiros demanda a revisión periódica da rede semafórica do municipio para evitar avarías
É xa un lamentábel “clásico” que, cada certo tempo, o semáforo que regula o paso peonil na Avenida das Mariñas, na zona de Beiramar, se avaríe e a veciñanza da zona teña que arriscar literalmente a súa vida para cruzar a AC-12 na que é a única pasadeira habilitada nunha ampla zona na que residen unhas 4.000 persoas e hai un importante número de centros de traballo e negocios con venda ao público.
É xa un lamentábel “clásico” que, cada certo tempo, o semáforo que regula o paso peonil na Avenida das Mariñas, na zona de Beiramar, se avaríe e a veciñanza da zona teña que arriscar literalmente a súa vida para cruzar a AC-12 na que é a única pasadeira habilitada nunha ampla zona na que residen unhas 4.000 persoas e hai un importante número de centros de traballo e negocios con venda ao público.
A veciñanza de Perillo denuncia agora que o problema tamén acontece no semáforo situado ao comezo do Lucín, no punto da Avenida de Rosalía de Castro que dá acceso á chamada “minirrotonda” de Perillo, na confluencia coas rúas da Barreira e do Areal (estrada AC-174).
Onte mércores o semáforo non funcionou, ao menos durante toda a xornada, na que xa é a segunda avaría en menos dun mes: neste pasado mes de xaneiro tampouco funcionou entre os días 20 e 22, cando se reestabeleceu a última hora da tarde. Onte, ademais, tampouco funcionaba o situado na Rúa da Barreira de Perillo, que tamén regula o paso antes da minirrotonda.
O BNG considera un grave problema para a mobilidade e a seguridade viaria de vehículos e peóns estas deficiencias continuadas na rede semafórica, especialmente cando se producen en zonas caracterizadas por unha alta densidade de tráfico, moi poboadas e onde, ademais, non sobran os lugares para cruzar a pé a vía dunha forma segura. A “minirrotonda” de Perillo é un punto habitualmente conflitivo para o tráfico rodado en Oleiros e, ademais, debido ás obras do “sifón” da Pasaxe e a rede de viais alternativos propostos polo Concello aínda viu máis aumentado o seu fluxo de vehículos.
O Bloque de Oleiros demanda das diferentes administracións responsábeis a activación dun protocolo periódico de revisión de toda a rede semafórica municipal que inclúa a substitución de solucións tecnolóxicas xa desfasadas polas máis actuais. Para Fran Rei, portavoz municipal nacionalista en Oleiros, “é unha vergoña que ás veces teñamos que ler ou escoitar que un semáforo se avaría porque chove un pouco, máis nun país dunhas condicións climáticas ben coñecidas”. Para o concelleiro “é precisamente nos días de chuvia, con menos visibilidade e máis tráfico, cando máis hai que garantir o bo funcionamento de todos os mecanismos de seguridade viaria”.