Oleiros é o concello galego cos alugueiros máis caros. O BNG levará este asunto ao Pleno
Os datos da Estatística de Vivendas Declaradas no IRPF 2024 da Axencia Tributaria confirman que Oleiros é o concello galego cos alugueiros máis elevados, tanto no prezo medio mensual como nos novos contratos. Esta información, baseada nas declaracións do IRPF, constitúe unha radiografía especialmente fiábel do mercado do alugueiro.
O alugueiro medio mensual en Galiza é de 515 euros e de 595 euros nos novos contratos, mentres que a provincia da Coruña acada 524 e 610 euros, respectivamente. Os alarmantes datos municipais sitúan Oleiros á cabeza de Galicia en ambas as dúas categorías cun alugueiro medio mensual de 604 euros e de 756 euros nos novos contratos, de acordo coa estatística de vivendas declaradas no IRPF 2024 da AEAT.
O acceso á vivenda é un dereito, non un luxo. Un concello con elevada renda media como Oleiros debe asumir unha maior responsabilidade pública para garantir que a mocidade, as familias traballadoras e as persoas maiores poidan desenvolver o seu proxecto de vida sen seren expulsadas polo incremento continuado dos prezos.
Por isto, desde o BNG de Oleiros faremos propostas que poden ser asumidas desde as competencias que corresponden a un concello, varias iniciativas e variadas medidas para reverter esta situación, como:
- Declarar as zonas tensionadas para aplicar os mecanismos previstos na Lei estatal de Vivenda.
- Impulsar un parque público municipal de alugueiro asequible mediante adquisición, rehabilitación e mobilización de vivendas baleiras.
- Priorizar a rehabilitación fronte á expansión urbanística, reducindo consumo de solo e emisións.
- Ceder solo municipal para cooperativas ou alugueiro accesíbel.
- Mobilizar vivendas baleiras mediante programas municipais.
- Establecer bonificacións fiscais condicionadas ao alugueiro accesíbel.
- Pór en marcha axudas municipais á rehabilitación vinculadas ao alugueiro.
- Crear unha bolsa municipal de alugueiro con garantías.
- Abrir unha oficina municipal de mediación e garantía do alugueiro.
Algunhas destas medidas teñen un impacto directo sobre os prezos e outras aumentan a oferta de alugueiro estábel, que é a vía máis eficaz para conter os prezos a medio prazo. A Lei de Vivenda de Galiza recoñece aos concellos competencias para programar políticas municipais de vivenda, promover e xestionar vivenda, fomentar a rehabilitación, inspeccionar e sancionar determinados incumprimentos e executar gasto público en materia de vivenda. O BNG de Oleiros levará estas propostas ao vindeiro pleno ordinario do mes de xullo.