Presentación da candidatura do BNG-Asembleas Abertas de Oleiros

Presentación da candidatura do BNG-Asembleas Abertas de Oleiros
Presentación da candidatura do BNG-Asembleas Abertas de Oleiros
Presentación da candidatura do BNG-Asembleas Abertas de Oleiros

A candidatura do BNG-Asembleas Abertas de Oleiros preséntase co obxectivo de “devolver o movemento” a un concello que desde hai anos “vai ao ralentí”

Esta mañá presentouse o primeiro tramo da candidatura nacionalista oleirense e algunhas das propostas que marcarán un programa electoral que estará concluído ao finalizar marzo

Unha asemblea cidadá aberta ratificará o programa e a candidatura na súa totalidade

2285Oleiros, 19 de marzo de 2015.- Na mañá de hoxe o BNG-Asembleas Abertas de Oleiros presentou publicamente os cinco primeiros nomes da súa candidatura ás eleccións municipais do 24 de maio. O actual portavoz municipal do Bloque, Manuel Sarmiento, adiantou que se trata dun equipo moi renovado, tanto no tocante aos rostros que o integran como á media de idade, que se reduce considerabelmente. Trátase tamén de persoas que, agás nun caso, é a primeira vez que concorren nunha listaxe electoral en Oleiros, mais non só están formadas politicamente, senón cunha experiencia continua en distintos campos do activismo social que permitirá este equipo “asumir todas as responsabilidades, incluída a de asumir tarefas de goberno”.

A Fran Rei García, veciño de Santa Cruz (Liáns) de 33 anos, candidato á Alcaldía, acompáñano no segundo posto o tamén veciño de Santa Cruz Andrés Hernández Mouriño, traballador social, sindicalista e membro da ANPA do CEIP Parga Pondal; no terceiro Lucía López de Castro Ruiz, socióloga desempregada especialista en economía pesqueira; no cuarto Iria Taibo Corsanego, veciña de Bastiagueiro e actualmente de Coruxo de Arriba (Liáns), tradutora e profesional autónoma. Hoxe foi presentado tamén o quinto componente da candidatura: Iván Roca Cruz, veciño de Dexo, xurista e traballador da Administración Pública.

Rei sinalou algunhas das ideas forza dun programa que, explicou, aínda está en fase de elaboración, recibindo achegas a través dun proceso participativo que finalizará co mes de marzo.

Unha idea central do BNG-Asembleas Abertas en Oleiros, dixo, será “repensar” o actual modelo de municipio para garantir “un concello de todas e para todas as persoas”, tamén mediante a práctica concreta e cotiá. O candidato nacionalista enfatizou na necesidade de facer “un concello para vivir onde se poida vivir de verdade”, construído sobre un marco distinto ao “residencialismo dependente da cidade” e ao mesmo tempo diferente tamén dun “localismo illacionista”. Para iso, Fran Rei considerou que hai que comezar a formular propostas en materias como a mobilidade, o urbanismo, a promoción económica, o lecer, a práctica deportiva, a xestión do medio natural e dos espazos públicos ou o impulso á participación cidadá, todo desde un novo modo de recuperar o concepto de convivencia, con deseños que teñan en conta a dimensión de xénero e adecuados a unha realidade social máis diversa “que a do Oleiros que aparece na Lista Forbes”.

 Rei reivindicou a “ilusión e a enerxía” do BNG-Asembleas Abertas para imprimir movemento e dinamismo a un concello que desde hai anos funciona “ao ralentí”, carente de novos proxectos, de imaxinación e innovación e do dinamismo e participación doutras épocas. “O BNG-Asembleas Abertas”, asegurou o candidato nacionalista, “é garantía de que en Oleiros non vai gobernar a dereita, pero tamén de que non se van aplicar políticas de dereita ás veces disfrazadas de progresistas”, como por exemplo coa redución ao mínimo da porcentaxe de reserva para vivenda protexida nos novos desenvolvementos do PXOM.

 Na súa intervención, o novo candidato quixo tamén pór en valor o traballo “serio, rigoroso e competente” desenvolvido nestes anos polo actual portavoz municipal Manuel Sarmiento. Fran Rei destacou como, malia o peso cuantitativo do BNG no Pleno “ser o que é”, na presente lexislatura foi posíbel manter en moitos temas a iniciativa, condicionar a axenda política e elevar ao debate público cuestións que, de non ser pola presenza do Bloque, nunca terían chegado a un pleno municipal. “Tanto desde a oposición como desde labores de goberno, se for o caso, o BNG ten vocación de serlle útil ao pobo de Oleiros e aspira a podelo seguir sendo, con máis forza, no futuro”, concluíu.