A ORDENANZA ACTUAL REDUCE ANUALMENTE AS CONTÍAS DAS AXUDAS PARA ALIMENTOS E PREXUDICA AS FAMILIAS MÁIS NUMEROSAS

O BNG de Oleiros presenta unha moción para reformar a ordenanza municipal das medidas de inclusión social

Casa-Charry
Casa-Charry
O BNG de Oleiros presenta unha moción para reformar a ordenanza municipal das medidas de inclusión social

O BNG de Oleiros presentará no vindeiro pleno unha moción para reformar a Ordenanza municipal das Medidas de inclusión social, publicada no BOP do 24.08.2021. Esta ordenanza tenta dar resposta ás necesidades da poboación e articula unha serie de axudas destinadas a previr e/ou paliar situacións de vulnerabilidade para garantir a inclusión social; e faino a través dunha serie de medidas, como son as axudas económicas ás familias vulnerables para a compra de alimentos e produtos básicos, farmacéuticos, ou comedor escolar, entre outras.

 

O acceso ás axudas está condicionado a non superar un límite de ingresos por unidade familiar, que se actualiza anualmente consonte o IPREM; é dicir: contémplase que, dado que o custe da vida sobe cada ano, tamén é lóxico que sexan máis altos os ingresos das familias para acceder ás axudas.

 

Porén, este criterio non se aplica para o importe das axudas para alimentación e produtos básicos de hixiene, que seguen sendo as mesmas dende o 2021, a pesares da subida o IPC nun 15% dende aquela: 3,5% no 2021, 8,4 no 2022, e 3,1% no 2023. Tampouco modifica as cantidades a deducir do límite dos ingresos polo pagamento do alugueiro ou as hipotecas. En conclusión: o custe da vida sobe nun 15%, mais as axudas non o fan.

 

Outro aspecto que cuestionamos na ordenanza é que non varía o monto total anual das axudas a percibir en función do número de persoas das familias, que se establece en 1.000 euros anuais, independentemente de que se trate dunha soa persoa ou de 10. Porén, este criterio si se ten en conta no importe de axudas concretas, nas que se establecen tramos en función dos membros das familias. En resumo: este aspecto prexudica claramente as familias máis numerosas.

 

Por estes motivos, o BNG de Oleiros propón que o departamento de Servizos Sociais do Concello elabore unha proposta de modificación destes aspectos para corrixir as eivas da ordenanza.

O BNG de Oleiros presenta unha moción para reformar a ordenanza municipal das medidas de inclusión social