O BNG de Oleiros preguntará no pleno como se está a xestionar o incremento poboacional con notábel impacto en diversas áreas básicas
Agárdanse en Mera arredor de 1.000 novos habitantes, que se instalarían nas Urbanizacións da Xentiña e Cividás. Viñas de Babilonia (SUD-10), urbanización de 390 vivendas previstas en Santa Cruz. Perante este incremento considerábel de poboación nas parroquias oleirenses, o Concello debería estar xa en contacto coa Xunta de Galiza para prever a máis que necesaria atención en eidos xa agora deficitarios, como a Sanidade ou a Educación. Mais entendemos dende o BNG que esta sería tan só unha das necesidades do forte incremento porcentual de poboación que se prevé, nomeadamente tendo en conta a multiplicación dos residentes durante o período estival e a forte afluencia aos areais oleirenses.
En concreto, o BNG preguntará no Pleno se existe algún plan integral para asumir todo o incremento asistencial a nivel de aparcadoiros, mobilidade, seguranza, maior frecuencia de transporte público, limpeza, infraestruras, etc que vai supor este aumento poboacional, ademais das medidas que vai tomar o Concello para paliar estas necesidades potenciais. Todas estas son perguntas que hai tempo que están na rúa.
Ademais, o BNG formulará outras preguntas no próximo pleno, que terá lugar o próximo día 2 de abril:
- sobre a xestión dos presumíbeis casos de acoso en varios centros de ensino de Oleiros.
- polo grao de cumprimento da primeira fase do PMUS, unha vez transcorridos 18 meses da súa aprobación, e tendo en conta que o Plan de Mobilidade contempla medidas para os dous primeiros anos de aplicación.
- pola destrución das pertenzas esquecidas polos usuarios e usuarias das piscinas municipais.
- polo neglixente servizo de recollida de lixo, que non é coherente coa suba do recibo á veciñanza.