BNG-AA inclúe no seu programa a demanda veciñal dunha senda peonil no acceso ao CEIP A Rabadeira
As obras dos últimos días na contorna do centro non tiveron en conta a proposta, a pesar do compromiso do Alcalde de estudala, no Pleno do pasado mes de febreiro
Fran Rei, candidato nacionalista á Alcaldía de Oleiros: Hai que pensar a mobilidade como dereito non só á hora de pensar nos desprazamentos en coche.
Oleiros, 8 de abril de 2015.- O recente período vacacional nos centros de ensino foi aproveitado polo Concello de Oleiros para acometer obras de mellora da pavimentacións nas inmediacións dos CEIP A Rabadeira, en Oleiros, e Luís Seoane, en Maianca.
No pleno municipal do pasado mes de febreiro o BNG solicitou, a instancias da veciñanza da zona e de membros da comunidade educativa da Rabadeira, acometer unha pequena senda peonil na Rúa do Ensino, no acceso ao centro de ensino desde a Avenida Francisca Herrera, para facilitar o acceso a pé de estudantes, familias e traballadoras/es do dito colexio. Na actualidade, ese treito non dispón de beirarrúa en ningunha das marxes até chegar á mesma entrada do recinto.
No pleno de febreiro, o Alcalde dixo tomar nota da proposta e comprometeuse a estudala. Porén, na recente obra de mellora non se tivo en conta a iniciativa, que é unha demanda de veciñas/os da parroquia e membros da comunidade educativa, e toda a actuación limitouse a mellorar o pavimento.
Así as cousas, o candidato á Alcaldía de Oleiros polo BNG-Asembleas Abertas, Fran Rei, insistiu hoxe na proposta de dotar a contorna do colexio da Rabadeira dun acceso peonil seguro para garantir o dereito de mobilidade por todos os medios de transporte, xa que mobilidade non é só pensar en termos de asfalto e coches, senón tamén en xente a pé, en bicis ou mesmo en persoas con situacións de mobilidade reducida, sinalou. O candidato nacionalista salientou o compromiso de incluír entre as actuacións máis urxentes no seu programa electoral a creación da demandada senda peonil na marxe dereita da Rúa do Ensino.
Estado das pasadeiras de peóns nas proximidades de centros escolares
Nos últimos meses, o goberno municipal de Oleiros veu demandando repetidamente da Xunta de Galiza o repintado da pasadeira peonil da Avenida Francisca Herrera que dá acceso á Rúa do Ensino e á entrada principal ao CEIP A Rabadeira.
Outro paso de peóns que precisa ser pintado con urxencia é o situado na Avenida María Pita de Canide (Maianca) que dá acceso ao CEIP Luís Seoane. A vía é de titularidade autonómica, polo que o BNG-Asembleas Abertas de Oleiros levará o caso nos próximos días ao Parlamento de Galiza para exixir máis e mellor seguridade viaria na contorna do centro.