A incompetencia da Xunta provoca un caótico primeiro día de curso no CEIP A Rabadeira de Oleiros
A comunidade educativa de Oleiros volveu verse prexudicada pola terríbel incompetencia da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no primeiro día de curso escolar para Infantil e Primaria. Unha vez máis, a ineptitude do departamento que dirixe Román Rodríguez causa problemas, e moi graves, no canto de achegar solucións.
O primeiro día do curso escolar viviuse onte como un auténtico caos no CEIP A Rabadeira de Oleiros, segundo manifestan moitas das familias con pequenas e pequenos neste centro, o máis antigo do municipio. A negativa da Consellaría a consensuar unha solución, como se lle veu reclamando con insistencia nos últimos meses, levou a que neste momento haxa arredor de 200 alumnas e alumnos sen transporte escolar. Mais a Consellaría non só non quixo buscar solucións, senón que, nun nivel de desleixo e improvisación alarmantes, agardou até o último día para comunicar a listaxe de nenas e nenos que quedan fóra do dereito a transporte. Pero isto non é todo: as familias que están nesta situación denuncian que até o vindeiro luns 14 non sairá a listaxe definitiva, polo que a cada momento está habendo variacións e nenas e nenos que supostamente teñen nun primeiro momento autobús á listaxe seguinte quedan fóra, ou ao revés, co conseguinte transtorno para elas/es mesmas/os, para as súas familias e para o centro.
A irresponsabilidade e temeridade da Consellaría levou a que onte a saída das aulas se tivese que retrasar entre media hora e unha hora: as nenas e nenos que saen ás 15 horas sairon ás 15.30 e o último bus do transporte escolar non saíu do centro até as 16.15. Déronse situacións concretas tan graves como que a un neno se lle comunicou no mesmo momento de subir ao bus que non tiña praza de transporte sen previo coñecemento da súa familia, que agardaba por el na parada sen nada saber. Moitas familias séntense absolutamente desamparadas ante este caos. Algunhas mesmo decidiron, ante a situación vivida onte, cambiaren a matrícula das súas pequenas e pequenos para o novo centro de Nós.
Para o portavoz municipal do BNG-Asembleas Abertas, Fran Rei, a situación é de tal gravidade que o inexplicábel é que non tivesen xa rodado cabezas na xefatura territorial de Educación, se houbese algunha sensibilidade e quedase alí algo de vida intelixente. Rei chama á unidade da comunidade educativa, o Concello e a sociedade civil oleirense para apoiar as familias afectadas polo caos da Rabadeira e pregúntase se non será isto unha medida de castigo para as familias que tomaron a decisión de non matricularen as súas pequenas e pequenos no colexio novo de Nós no recén estreado curso escolar. Se o é, resulta un castigo desproporcionado e cruel, por canto a Consellaría está a facer pagar nas nenas e nenos o dereito defendido polas familias a escolleren centro educativo, garantido pola lexislación.