NO ACTO PARTICIPARÁ O CANTAUTOR MIRO CASABELLA, AUTOR DO DESEÑO TÉCNICO DA PRAZA DA LIBERDADE DA PARROQUIA OLEIRENSE
O BNG de Oleiros homenaxea a veciñanza que impulsou a construción da Casa do Pobo de Nós
No acto de mañá participarán o portavoz municipal do BNG de Oleiros, Fran Rei, e o cantautor Miro Casabella, quen pola súa condición profesional de arquitecto técnico foi no seu día o autor do deseño da Praza da Liberdade, o fermoso espazo público que rodea a Casa do Pobo de Nós.
A Casa do Pobo da parroquia oleirense de Nós é o resultado do soño colectivo de crear un equipamento veciñal comunitario destinado a acoller servizos e actividades para as xentes de toda a contorna.
O soño foi iniciado por Xaquín Taboada Díaz e outros veciños en 1932, organizados na Unión Campesina Republicana de Nós. Comprado o terreo de 216 metros cadrados por 500 pesetas, coas súas propias mans e medios comezaron a construír aquel proxecto. O golpe de estado fascista de xullo de 1936 supuxo a inmediata incautación do terreo, a paralización das obras e a represión contra os membros das entidades que a estaban a impulsar: Xaquín Taboada era fusilado en 1937. Durante as catro décadas seguintes, a obra quedou parada, como un esquelete silenciado.
En 1977 un sobriño de Xaquín, Manuel Taboada Marzoa, malia non ter chegado a coñecer fisicamente o seu tío, decidiu, cun grupo de veciños máis, recuperar aquel soño violentamente interrompido e reiniciar as obras da Casa do Pobo, ao tempo que se constituía a Asociación Veciñal Os Rueiros de Nós. A obra finalizouse en 1981, sendo propiedade da entidade até que esta, en 1993, pasou ao Concello. A Casa do Pobo, ademais de biblioteca, cafetaría ou aula multiusos, chegou a ter escola infantil e até consultorio médico.
Malia todo, non hai pegadas visíbeis que lembren en Nós a fermosa historia que conta como naceu a súa Casa do Pobo. Co duplo obxectivo de recuperar dignamente este capítulo da nosa memoria e de homenaxear xustamente aos iniciadores do proxecto, mais, sobre todo, aos que o retomaron despois do franquismo, o BNG organiza para o mediodía de mañá sábado un acto de recoñecemento a estes veciños: será no exterior da Casa que eles mesmos levantaron.
No acto de mañá participarán o portavoz municipal do BNG de Oleiros, Fran Rei, e o cantautor Miro Casabella, quen pola súa condición profesional de arquitecto técnico foi no seu día o autor do deseño da Praza da Liberdade, o fermoso espazo público que rodea a Casa do Pobo de Nós.