Uxío Pedreira Dans, novo responsábel local do BNG de Oleiros
A militancia do BNG oleirense, reunida en Asemblea Local, vén de escoller por unanimidade o seu Consello Local e un novo responsábel local. Este proceso de renovación, que antes se deu na propia comarca e tamén se reproduce en cada localidade, está asociado á recente celebración da XVII Asemblea Nacional do Bloque, celebrada no Coliseum da Coruña o pasado 7 de novembro.
O novo responsábel local do BNG de Oleiros é Uxío Pedreira Dans, traballador das Bibliotecas Municipais, natural de Oleiros e na actualidade veciño do Porto de Santa Cruz, en Liáns. Pedreira, militante nacionalista desde os inicios da asemblea local, é tamén un gran coñecedor do funcionamento interno do Concello, de cuxa Xunta de Persoal fixo parte no seu día como representante sindical pola CIG. Desde as filas da Asociación Vieiros, que está a festexar o seu 20 aniversario, é tamén un activo divulgador cultural.
Uxío Pedreira substitúe na responsabilidade local a tradutora Iria Taibo, que continúa no Consello como Vicerresponsábel Local. Deste organismo, agora renovado, fai parte tamén Xurxo Martínez Caño (Lorbé), portavoz municipal do BNG en Oleiros, e complétano Sonia Insua (Dorneda), Manuel Ferreiro (Nós), Fran Rei (Liáns), Óscar Prado (Perillo), Ana Gil (Liáns), Iván Roca (Dexo), Aitor Romero (Perillo) e Susana Peña (Perillo).