Transparencia, participación e calidade democrática
O noso concello precisa un maior coidado nos ámbitos da transparencia e a participación cidadá. A veciñanza debe poder intervir dun xeito máis directo nas decisións que nos afectan, mais o funcionamento do Concello e de todas as súas áreas debería ser máis claro e transparente.
Desde o BNG de Oleiros apostamos por continuar coa forma de facer política que primeiro e mellor nos caracteriza: a da proximidade coa veciñanza. Unha proximidade que nos permita coñecer os problemas e as necesidades reais que ten o pobo e, a partir de aí, pensar colectivamente e ofrecer solucións que fagan que o noso concello funcione mellor. Así, continuaremos a facer o noso traballo na rúa, escoitando e intentando solucionar as propostas e demandas que nos chegan, trasladándoas ás institucións, apoiando e acompañando loitas e reivindicacións, etc.
Para a próxima lexislatura, consideramos que existen certos temas importantes a tratar, relacionados co modelo de concello no que queremos vivir:
TRANSPARENCIA, PARTICIPACIÓN E CALIDADE DEMOCRÁTICA
O noso concello precisa un maior coidado nos ámbitos da transparencia e a participación cidadá. A veciñanza debe poder intervir dun xeito máis directo nas decisións que nos afectan, mais o funcionamento do Concello e de todas as súas áreas debería ser máis claro e transparente.
-Traballaremos nunha redefinición dos medios de comunicación municipais (Radio Oleiros e Vivir en Oleiros) en termos de respecto á pluralidade, rigor na información, participación veciñal no deseño e na xestión dos contidos e aproveitamento como canles de comunicación veciñais nun sentido bidireccional. Ademais, tamén demandamos a transparencia a respecto do uso do diñeiro público empregado nos medios de comunicación privados.
-Traballaremos pola mellora da páxina web municipal:
*A memoria dos programas e actividades municipais deberá estar dispoñíbel a través da páxina web.
*Habilitaremos o Portal de Transparencia da páxina web municipal, unificando nun mesmo espazo de fácil acceso e identificación información corporativa, sobre contratación pública, actas de comisións e plenos, resolucións e bandos, etc. Do mesmo xeito, incluirase o curriculum dos representantes políticos, as retribucións dos cargos públicos, os gastos de representación, publicidade e promoción institucional, o inventario de bens e patrimonio de concelleiros e concelleiras e os acordos plenarios. As e os representantes locais publicarán todos os anos nun modelo único a declaración de bens.
*Mellora técnica da páxina web municipal para facilitar os trámites administrativos en liña. A web do concello ten que funcionar como un gran portal aberto de fácil acceso, situando a transparencia real no seu eixo central e servindo como ferramenta de rendición de contas, con avaliación dos programas e as políticas, con total transparencia en materia de procedementos, contratacións, convenios, subvencións, execución orzamentaria e xestión de persoal.
-Os plenos municipais continuarán a retransmitirse, coa creación de videoactas dos mesmos que se subirán no portal para poder visualizalos con posterioridade xunto coas actas. Tamén se publicará a información relativa ás partidas orzamentarias destinadas a cada liña de axudas públicas, ademais de facilitar información sobre seu estado de execución.
-Elaboraremos un Regulamento Municipal de Participación Veciñal consensuado co tecido asociativo, coa creación de consellos sectoriais abertos en materias como a igualdade, o deporte, o medio ambiente, a mocidade, o ensino, ou a sanidade, entre outros. Este regulamento incluirá tamén a participación da veciñanza na elaboración do orzamento municipal.
-Promoveremos a creación dos Consellos Parroquiais, co obxectivo de que a veciñanza adquira un papel cada vez máis activo na toma de decisións, creando deste xeito un sentimento de corresponsabilidade na definición das políticas públicas. Para camiñar nesa dirección marcamos os seguintes obxectivos:
*Motivaremos o empoderamento das asociacións existentes nas parroquias, contando con elas ao longo de todo o proceso.
*Xeraremos corresponsabilidade na veciñanza para a posta en marcha dos Consellos Parroquiais.
*Levaremos a cabo accións de sensibilización e información abertas ao conxunto da veciñanza sobre a necesidade e a utilidade da participación veciñal.
*Constituiremos un grupo impulsor en todas as parroquias.
*Definiremos de forma colaborativa a estrutura, competencias e funcións dos Consellos Parroquiais.
*Crearemos unha canle bidireccional de comunicación entre a veciñanza das parroquias e o concello.
-Estabeleceremos outros mecanismos participativos para a elaboración do orzamento municipal e outros asuntos tales como:
*Un rexistro de participación veciñal onde persoas e entidades poidan inscribirse voluntariamente para recibir información da administración sobre materias do seu interese e poidan participar de xeito directo na achega de solucións. Este rexistro permitirá tamén o envío de propostas da veciñanza sen que se lles esixa a súa identificación persoal, ademais de facilitar e atender a participación da veciñanza a través de redes sociais na toma de decisións sobre os asuntos máis transcendentes do concello. O obxectivo é que este rexistro sexa un sistema de recollida permanente de opinión, necesidades, demandas e/ou expectativas da veciñanza.
-Traballaremos polo recoñecemento e recuperación da memoria histórica do noso concello, sendo a primeira medida a eliminación inmediata de todo vestixio fascista dos nosos espazos públicos (fonte pública co símbolo falanxista no Río da Loba, en Oleiros, ou rúa de Molina, en Iñás) e a retirada de honras e distincións herdadas do franquismo.