Preocupación nas familias de Lamastelle pola falta de seguridade no acceso á escola infantil Reberte

Preocupación nas familias de Lamastelle pola falta de seguridade no acceso á escola infantil Reberte

A estrada, de titularidade autonómica, carece de pasadeiras peonís ou lugares habilitados para cruzar nun longo treito entre Montrove e as proximidades dos Regos

Varias familias das zonas de Lamastelle e Montrove transmitiron ao BNG-Asembleas Abertas de Oleiros a súa gran preocupación pola dificultade para poder cruzar a pé á Escola Infantil Reberte, un centro de educación infantil situado na Avenida Rosalía de Castro, na AC-174, debido á inexistencia de pasadeiras peonís ou pasos regulados por semáforo nun longo tramo situado entre o núcleo urbano de Montrove e as inmediacións dos Regos, á altura do lugar das Pedreiras.

 Veciñas e veciños de rúas como Ventoeira relataron ao candidato nacionalista á Alcaldía de Oleiros, Fran Rei, e mais ao actual portavoz municipal Manuel Sarmiento, a absoluta desprotección na que se encontran para poderen levar as súas crianzas cada día á escola infantil sen se veren obrigados a camiñar centos de metros até o paso habilitado máis próximo ou, do contrario, atravesaren a calzada co correspondente perigo para a súa integridade física e tamén para a seguridade do tráfico, nun tramo no que este é habitualmente numeroso. 

 A veciñanza da zona, que xa informou repetidamente ao Concello da situación, demanda unha solución que permita mellorar a seguridade viaria na zona, tanto de vehículos como de persoas a pé, habida conta, ademais, a proximidade do centro educativo. Os residentes, conscientes de que é a Xunta de Galiza a titular da estrada, quéixanse non obstante de que o Concello de Oleiros non teña insistido tanto ante a administración autonómica como noutros puntos do municipio. “Parece que se reservan as grandes reivindicacións para a Ponte da Pasaxe ou para a estrada de Perillo a Mera pola costa, como se nós non fósemos tamén de Oleiros”, lamentan.

 Dáse a circunstancia de que no último pleno municipal ordinario o BNG xa presentou unha moción pola que propuña mellorar as condicións de seguridade viaria nas contornas de parques, centros escolares e zonas especialmente frecuentadas por nenas e nenos, rexeitada de moi maos modos por Ángel García Seoane, para quen todo o proposto na iniciativa había tempo que Oleiros xa o tiña e non eran precisas novas medidas. Compróbase agora, neste caso de Lamastelle, que non é así.

 Para Fran Rei, que atendeu esta reivindicación da veciñanza logo de visitar a zona no marco da campaña electoral, é absolutamente vital para construír un concello vivo e humanizado atender todas as mobilidades; especialmente as que se producen á marxe do vehículo privado, garantindo o dereito á seguridade e á comodidade ás persoas que van a pé, en bici ou acceden ás paradas para empregar o transporte público. “É demencial que en Oleiros haxa xente que se teña que desprazar por necesidade en coche 500 ou 600 metros por non ter condicións seguras para o poder facer a pé”, denuncia o candidato nacionalista. 

20150511_203224