Obras de canalización no adro da Igrexa de Dexo destapan o que semellan restos humanos óseos

igrexa de Dexo
igrexa de Dexo

O BNG de Oleiros demanda á Xunta da Galiza que informe de xeito inmediato se existen as autorizacións preceptivas, medidas e controis técnico-patrimoniais e se apareceron restos humanos nas obras

Obras de canalización no adro da Igrexa de Dexo destapan o que semellan restos humanos óseos

A Igrexa románica de Dexo do século XII foi elevada á categoría de BIC no ano 1982, porén a Xunta aprobou outra declaración en 1997 co fin de “precisar a delimitación da contorna”. É dicir, estender a superficie protexida ata a contorna máis inmediata da construción, calquera obra que afecte á Igrexa e a súa contorna deberá ter as máximas garantías. Lembremos que os Bens de Interese Cultural (BIC) son aqueles bens mobéis, inmóbeis e inmateriais máis sobranceiros do patrimonio cultural de Galiza, declarados por decreto do Consello da Xunta da Galiza.

Calquera intervención nos devanditos BIC requirirá a preceptiva autorización da Xunta da Galiza (Patrimonio), alén do resto de licenzas, como neste caso, municipais. Os propietarios dos bens protexidos están obrigados por lei a conservalos e protexelos e a solicitar a autorización da Xunta para realizar calquera obra neles ou no seu contorno.

Durante os últimos días véñense realizando obras na contorna da igrexa de Dexo para canalizar a auga por problemas de humidades na mesma. Temos que lembrar que o adro da igrexa de Dexo é un camposanto. Froito das actuais obras pódense aprezar o que aparentemente son restos óseos, máis concretamente caveiras humanas. Estes presumíbeis restos humanos apareceron á simple vista e dun xeito superficial.

Veciñas de Dexo contactaron onte, primeiro de maio, coa Policía Local de Oleiros, manifestando esta que se desprazarían hoxe até o lugar para inspeccionar as devanditas obras.

Dende o BNG pedimos ao departamento de Patrimonio da Xunta da Galiza que expliquen publicamente:

  1. Se as devanditas obras tiñan todas as autorizacións preceptivas no caso de un BIC (autonómicas, municipais).

  2. Cales foron as medidas establecidas para a boa finalidade das mesmas nun conxunto patrimonial tan valioso e cunhas características tan sensíbeis como un camposanto e se foi activado o protocolo ad hoc.

  3. Que controis por parte de expertos da Xunta se fixaron a priori e durante o actual desenvolvemento das obras.

  4. Se realmente se atoparon restos óseos e que medidas se están a tomar para a debida inspección, identificación e protección dos mesmos.

  5. Se se atoparon achados con valor arqueolóxico e se existe seguimento técnico dos mesmos.

Pediremos tamén ao Concello de Oleiros no vindeiro pleno de maio que informe das medidas, licenzas, resultados da inspección policial e demais circunstancias das obras na Igrexa de Dexo, alén de se se procedeu da maneira máis garantista cun elemento tan senlleiro, icona do Concello de Oleiros polos seus enormes valores.

Obras de canalización no adro da Igrexa de Dexo destapan o que semellan restos humanos óseos