Obras de canalización no adro da Igrexa de Dexo destapan o que semellan restos humanos óseos
O BNG de Oleiros demanda á Xunta da Galiza que informe de xeito inmediato se existen as autorizacións preceptivas, medidas e controis técnico-patrimoniais e se apareceron restos humanos nas obras
A Igrexa románica de Dexo do século XII foi elevada á categoría de BIC no ano 1982, porén a Xunta aprobou outra declaración en 1997 co fin de “precisar a delimitación da contorna”. É dicir, estender a superficie protexida ata a contorna máis inmediata da construción, calquera obra que afecte á Igrexa e a súa contorna deberá ter as máximas garantías. Lembremos que os Bens de Interese Cultural (BIC) son aqueles bens mobéis, inmóbeis e inmateriais máis sobranceiros do patrimonio cultural de Galiza, declarados por decreto do Consello da Xunta da Galiza.
Calquera intervención nos devanditos BIC requirirá a preceptiva autorización da Xunta da Galiza (Patrimonio), alén do resto de licenzas, como neste caso, municipais. Os propietarios dos bens protexidos están obrigados por lei a conservalos e protexelos e a solicitar a autorización da Xunta para realizar calquera obra neles ou no seu contorno.
Durante os últimos días véñense realizando obras na contorna da igrexa de Dexo para canalizar a auga por problemas de humidades na mesma. Temos que lembrar que o adro da igrexa de Dexo é un camposanto. Froito das actuais obras pódense aprezar o que aparentemente son restos óseos, máis concretamente caveiras humanas. Estes presumíbeis restos humanos apareceron á simple vista e dun xeito superficial.
Veciñas de Dexo contactaron onte, primeiro de maio, coa Policía Local de Oleiros, manifestando esta que se desprazarían hoxe até o lugar para inspeccionar as devanditas obras.
Dende o BNG pedimos ao departamento de Patrimonio da Xunta da Galiza que expliquen publicamente:
-
Se as devanditas obras tiñan todas as autorizacións preceptivas no caso de un BIC (autonómicas, municipais).
-
Cales foron as medidas establecidas para a boa finalidade das mesmas nun conxunto patrimonial tan valioso e cunhas características tan sensíbeis como un camposanto e se foi activado o protocolo ad hoc.
-
Que controis por parte de expertos da Xunta se fixaron a priori e durante o actual desenvolvemento das obras.
-
Se realmente se atoparon restos óseos e que medidas se están a tomar para a debida inspección, identificación e protección dos mesmos.
-
Se se atoparon achados con valor arqueolóxico e se existe seguimento técnico dos mesmos.
Pediremos tamén ao Concello de Oleiros no vindeiro pleno de maio que informe das medidas, licenzas, resultados da inspección policial e demais circunstancias das obras na Igrexa de Dexo, alén de se se procedeu da maneira máis garantista cun elemento tan senlleiro, icona do Concello de Oleiros polos seus enormes valores.