VECIÑANZA DA RÚA DO RIVEIRO E DE ICARIA LEVA DESDE ENTÓN RECLAMANDO, POLO DE AGORA SEN ÉXITO, QUE SE RESTITÚA A LEGALIDADE

O BNG de Oleiros solicita información sobre o camiño público pechado por un particular en Perillo desde o ano 2014

Perillo_Icaria
Perillo_Icaria

O concelleiro do BNG en Oleiros Fran Rei presentou a través do rexistro municipal este pasado venres 22 de xuño un escrito solicitando ao goberno municipal acceder ao expediente completo das actuacións executadas até o momento en relación co peche do camiño público á altura do nº 30 da Rúa do Riveiro, na parroquia de Perillo, por un particular.

O BNG quere coñecer coa máxima exactitude que pasos se deron até o presente para executar a reposición da legalidade, é dicir, a apertura do camiño público, desde as primeiras denuncias veciñais, que datan de 2014. Se ben é sabido que se produciron distintas actuacións administrativas desde entón, o certo é que na actualidade o paso público a través do que historicamente foi camiño real de Perillo a Nós segue pechado e as ditas actuacións nunca chegaron a ser concluídas.

Ao menos desde o ano 2014 o propietario ou propietarios do terreo instalaron pola súa conta un valado metálico que pechou todo o camiño, impedindo o paso a pé desde a Rúa do Riveiro até a veciña Rúa Xuno, en Icaria, xa que ademais da finca da súa propiedade ocuparon tamén o espazo do vial. Inicialmente, todo o terreo quedou ocupado con materiais e maquinaria de construción. Sábese que nun primeiro momento o Concello iniciou actuacións, logo dunha primeira denuncia veciñal, instando as empresas propietarias do terreo á demolición do peche ilegal, con advertencia de execución subsidiaria, após ter desestimado as alegacións presentadas por ditas empresas. Porén, nin os propietarios de aquela repuxeron a legalidade nin o Concello chegou a actuar.

O BNG de Oleiros comparte non só a lóxica indignación da veciñanza desta zona da parroquia de Perillo por unha irregularidade que xa se prolonga demasiado no tempo, mais tamén o estupor pola solución ofrecida en ocasións polo goberno local: que hai que agardar a que se execute o desenvolvemento urbanístico previsto para a zona, a chamada cuarta fase de Icaria (SUD-5).