O BNG APOIA A CONVOCATORIA REALIZADA PARA ESTE SÁBADO 13 ÁS 12:30 DIANTE DA DELEGACIÓN DO GOBERNO NA GALIZA EN DEFENSA DUNHA MELLORA INTEGRAL NA MOBILIDADE DA CORUÑA E A SÚA COMARCA.

O BNG secunda a mobilización do sábado na Delegación do Goberno, facendo fincapé na necesidade de priorizar un transporte público intermodal sobre o cemento, o asfalto e o formigón

O BNG apoia a convocatoria realizada para este sábado 13 ás 12:30 diante da Delegación do Goberno na Galiza en defensa dunha mellora integral na mobilidade da Coruña e a súa comarca.

O BNG secunda a mobilización do sábado na Delegación do Goberno, facendo fincapé na necesidade de priorizar un transporte público intermodal sobre o cemento, o asfalto e o formigón

O BNG da comarca da Coruña coincide na demanda de execución das melloras nas vías de acceso e saída da Coruña que a comunican cunha área metropolitana que é por si soa a terceira urbe do país. Mais a organización nacionalista entende fundamental que toda mellora que se realice nas infraestruturas rodoviarias de intercomunicación entre A Coruña e a súa comarca deben preservar na súa integridade un medio natural e paisaxístico moi deteriorado por décadas de salvaxismo e falta de planificación tanto nas arterias de comunicación coma na propia planificación urbana de toda a contorna, como se observa na desfeita que consumou o paso da N VI ao seu paso por Oleiros.

O fundamental, para o BNG, é crear un servizo de tren de proximidade, xa que A Coruña é a maior rexión urbana do estado español que carece de dita oferta de transporte que se caracteriza polo seu carácter masivo, ecolóxico, sostíbel, eficiente e universal. Ademais utilizando a rede ferroviaria xa existente podería captarse un enorme fluxo de tráfico de pasaxeiros que aliviaría determinadas estradas para as zonas que, como Oleiros e Sada, carecen de camiño de ferro.

Para a organización nacionalista é capital redeseñar o trazado, a frecuencia, as paradas e os percorridos das liñas de transporte colectivo por estrada. Trátase de afinar conexións, eliminar tempos de transbordo, dar resposta aos novos núcleos de poboación, e saber aproveitar as máis recentes infraestruturas polas que a día de hoxe non circula o transporte público. O BNG quere abrir tamén o debate sobre o rescate das concesións de transporte, xa que ao modo de ver dos nacionalistas, co actual modelo, prima o negocio de catro empresarios (moitos deles con empresas de capital transnacional) sobre o dereito á mobilidade da poboación.

A modo de ver do Bloque, hai que esixir que se acometan as melloras proxectadas a nivel de infraestruturas, garantindo en todo en todo momento que estas sexan libres de peaxes, pero o fundamental non é seguir a investir en cemento, asfalto e formigón, se non apostar un transporte público intermodal, de calidade, sostíbel e eficiente, á altura do que a xente de hoxe en día demanda , situando á Coruña e a súa comarca dentro duns parámetros netamente europeos na resposta á demanda do dereito da mobilidade por parte da cidadanía.