Festa de peche de campaña no Parque da Lagoa de Mera
Nun lugar emblemático desde o punto de vista ambiental, paisaxístico e social (a orixe da lagoa foi unha antiga telleira), mañá venres 24 ás 20 horas, o BNG pecha a campaña destas eleccións municipais. Para isto organiza unha festa á que están convidados todos aqueles veciñ@s e simpatizantes que o desexen, despois dunha campaña na que o BNG constatou o interese co que a xente acolleu a súa mensaxe, proba da necesidade dunha opción como a nosa no mundo actual e nun concello como Oleiros.
Tense dito moitas veces que as eleccións son "a festa da democracia". Para non quedar só no tópico, no BNG de Oleiros decidimos facer da nosa campaña unha festa: se o pasado domingo preferimos cambiar o típico mitin de sempre por unha sesión vermú nun bar dos de sempre, queremos que o noso fin de campaña teña tamén un formato festeiro.
Como en calquera festa, non faltará de comer, de beber...e de cantar e bailar. Podedes traer a vosa propia comida para compartir co resto. E se tocades, cantades e bailades, podedes traer convosco as vosas ganas de festa. Tanto ten o voso estilo: canta máis diversidade, mellor!
Agardámosvos!