DESENVOLVEREMOS UNHA POLÍTICA DE VIVENDA QUE DEA PRIORIDADE AOS ALUGUEIROS SOCIAIS E PROMOVA O USO DAS VIVENDAS BALEIRAS OU DESHABITADAS.
O BNG de Oleiros reclama unha nova política de vivenda
A función social da vivenda e o dereito a acceder a esta carecen de valor diante dun sistema que a considera un simple ben de consumo suxeito ás leis do mercado. O BNG desenvolverá unha política de vivenda que dea prioridade aos alugueiros sociais e promova o uso das vivendas baleiras ou deshabitadas.
A función social da vivenda e o dereito a acceder a esta carecen de valor diante dun sistema que a considera un simple ben de consumo suxeito ás leis do mercado. O BNG desenvolverá unha política de vivenda que dea prioridade aos alugueiros sociais e promova o uso das vivendas baleiras ou deshabitadas. Con este obxectivo:
-Combateremos o alugueiro ilegal de pisos turísticos.
-Arbitraremos medidas de apoio ás persoas desafiuzadas ou en proceso de desafiuzamento, estabelecendo un protocolo de negociación con entidades financeiras, fondos voitre e entidades propietarias para que as persoas que non podan facer fronte ao pagamento poidan quedar na súa casa en réxime de alugueiro social, ao tempo que se garanta o apoio, atención e seguimento a pequenos propietarios que se vexan afectados por impagamentos de aluguer. No caso de non poderse deter o desafiuzamento, garantirase un realoxo adecuado.
-Reservaremos vivendas para situacións de emerxencia social.
-Recuperaremos a porcentaxe de reserva de vivenda protexida anterior a 2014 nas novas urbanizacións.
-O BNG implantará desde o Concello un plan de rehabilitación de vivenda, coordinado por unha oficina municipal específica. O Concello ofrecerá ás persoas propietarias de vivendas en desuso ou con necesidades de renovación os recursos necesarios para a súa rehabilitación a cambio do usufruto da vivenda durante un período inicial de 10 anos,
prorrógabel con acordo das partes. O Concello poría esas vivendas nunha bolsa de aluguer durante ese período de tempo e a xente pagaría o aluguer directamente ao Concello. Pasados os 10 anos (ou o período pactado), as persoas propietarias recuperarían a propiedade, co obxectivo de diminuír o número de vivendas baleiras existente, dinamizar a economía local mediante a contratación de persoas e empresas do propio concello para a rehabilitación das vivendas (sector especialmente prexudicado polo estoupido da burbulla inmobiliaria), crear unha bolsa de vivendas de aluguer a prezos xustos (cun tope dun máximo dun 30 % da renda das persoas interesadas en aluguer ou do SMI: 300 euros e tendo en conta as características da vivenda), aumentar a oferta inmobiliaria dispoñíbel e obtención de recursos propios para o Concello.
-Declararemos Oleiros concello libre de despexos.
- Gravaremos cun recargo do IBI as vivendas baleiras propiedade de bancos até a lexislación o permitir